fbpx
Lanterna do faro do Cabo Vilán / foto turismo.gal

125 anos de funcionamento o pasado venres: así é o faro eléctrico máis antigo de España

Tempo de lectura: 2 min.

O 15 de xaneiro de 1896 comezaba a funcionar o faro eléctrico máis antigo de España: o Cabo Vilán, na Costa da Morte. Sitúase nun lugar Monumento Natural –declarado en 1933-, un gran fito paisaxístico, mais tamén o que posiblemente sexa o tramo de costa máis perigoso da nosa xeografía e que lle dá nome á Costa da Morte.

Foi precisamente un destes naufraxios o que deu lugar á súa construción. O naufraxio do buque inglés The Serpent, en 1890, con 172 persoas finadas no mar, hoxe enterradas ó pé da praia do Trece. Mais este foi tan só o máis dramático de moitos naufraxios. Aquel faro eléctrico veu a substituír a outro instalado en 1854, nun lugar no que xa existía un facho.

Temporal no cabo Vilán, en Camariñas / foto fotocommunity CCBy

A preto duns 110 metros sobre o mar, con máis de 25 de altura e un alcance de 55 quilómetros ou 28 millas náuticas o faro de Cabo Vilán é un faro de primeira orde. Construído con granito rosa procedente da canteira de Pedra Maior, na propia zona, para a súa construción tivo un orzamento de 158.500 pesetas da época.

Dúas máquinas de vapor de 12 cabalos

Ademais do faro propiamente dito, o lugar acolle tamén unha casa do fareiro de planta cadrada e gran tamaño, organizada en dous andares ó redor dun patio. Pois a construción tivo que acoller tamén no seu interior a maquinaria para producir a electricidade.

Facho de Cabo Vilán / foto Turismo de Camariñas

Ademais de dúas máquinas de vapor de 12 cabalos de potencia, contaba con talleres, almacén de ferramentas, unha carboeira, e dous depósitos de palastro para a auga. O conxunto complétase ademais cunha comunicación ou túnel, construído máis tarde, que comunica a través de 150 chanzos a casa e o faro propiamente dito atravesando os penedos ó pé dos cantís.

Na actualidade, xa completamente automatizado é un dos recursos turísticos máis importantes da Costa da Morte. Acolle o Centro de Interpretación dos Naufraxios, unha sala de exposicións temporais, unha tenda de recordos, un café e un punto de información turística. Foi tamén un dos últimos faros habitados de Galicia.

Cabo e faro Vilán / foto turismo.gal

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...