Derruban a Casa da Botica de Guitiriz, unha das poucas históricas que quedaban ó pé concello da vila | Historia de Galicia
Casa da Botica antes do derrube /foto Concello de Guitiriz

Derruban a Casa da Botica de Guitiriz, unha das poucas históricas que quedaban ó pé concello da vila

Tempo de lectura: 2 min.

A histórica Casa da Botica de Guitiriz, edificio situado en pleno centro da vila fronte á Casa do Concello, desapareceu para sempre. Foi o pasado martes cando a Deputación de Lugo tomaba a decisión de derrubalo por motivos de seguridade, despois de que os temporais deste último mes derrubaran varias partes do edificio.

Acabábase así coa longa historia dun dos poucos edificios históricos que aínda se conservan no centro dunha vila, ata fai non moito, especialmente singular. A casa arrastraba dende fai anos unha longa polémica pois sufriu un longo camiño ata ser mercada polo Concello para ser convertida en residencia xeriátrica. De feito, as obras xa estaban en marcha.

Casa da Botica xa desaparecida. Ó fondo o campanario da igrexa de González Villar  / foto Canibalismo Urbanístico

E é que a finais da primeira década do século o consistorio da socialista Regina Polín tratou de facerse co edificio para convertelo en centro sociocultural, acordándose máis tarde convertelo en residencia da terceira idade. Tras un proceso de compra e un acordo coa Deputación Provincial de Lugo acordaríase que esta pasara a formar parte da rede de xeriátricos da Deputación.

Porén o abandono do proxecto no mandato do popular Xosé María Teixido, entre 2011 e 2015,  e o bloqueo da Xunta despois, levaron o edificio a unha situación de progresiva ruína. O proxecto desbloqueouse en febreiro de 2020 co goberno local de Marisol Morandeira, comezando as obras pouco despois.

Mais estas terían chagado demasiado tarde. Pois xa sen tellado os temporais do inverno tiraron parte da fachada a comezos deste mes. O edificio foi apuntalado e asegurado o seu perímetro e tomárase a decisión de facer derrubes parciais. Porén a caída dunha medianeira interna a pasada semana propiciaría a súa definitiva desaparición.

Casa da Botica antes do derrube /foto Concello de Guitiriz

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: