fbpx
Catedral de Mondoñedo / foto Ángel M. Felicísimo CCBY Wikimedia

Denuncian estar en perigo a Praza da Catedral de Mondoñedo por un proxecto de reforma do Concello

Tempo de lectura: 3 min.

Ampliar o Cantón Grande desprazando a escaleira monumental 2 metros cara a catedral e adiantar o muro norte 2,5 metros para habilitar un paseo superior con dúas grandes ramplas de acceso, na mesma praza da catedral. Este é o proxecto que está a xerar unha enorme controversia na monumental vila de Mondoñedo, declarada BIC na categoría de Conxunto Histórico-Artístico e Patrimonio Mundial no Camiño de Santiago.

E é que máis dunha trintena de persoeiros do mundo da cultura, as artes, a ensinanza ou o asociacionismo veñen de asinar un manifesto no que se denuncia o proxecto de reforma da Praza da Catedral. Entre os asinantes están os artistas plásticos Daniel Río ‘Caxigueiro’ e Xosé Vizoso de Sargadelos, o profesor da Universidade de Oviedo Antón Xosé Meilán ou os ex alcaldes Javier Loira e Orlando González.

Os asinantes alegan que o proxecto, impulsado polo Concello, “non foi sometido previamente de maneira formal e coa publicidade axeitada á consideración da veciñanza“. Os asinantes entenden que as actuacións promovidas polo goberno local “alterarían de xeito dificilmente reversible a estrutura, fisionomía e usos actuais deste espazo urbano” e “reducen considerablemente os espazos diante da fachada de catedral”.

Catedral de Mondoñedo / foto Catedral de Mondoñedo

Unha praza máis pequena e cunha fisionomía distinta

E é que as accións previstas para a praza, que contan xa con todos os permisos, tamén o de Patrimonio, inclúen o desprazamento da escaleira 2 metros cara o interior da praza no lugar no que se atopan as terrazas dos famosos locais de hostalería, e adiantar 2,5 metros o muro norte. Tamén a construción de dúas ramplas para favorecer a accesibilidade, a xa moi demanda eliminación do tráfico, a eliminación dos colectores de lixo e o traslado dos taxis.

No manifesto reclámase que as actuacións partan “do marco dun proxecto global de cidade” cun “carácter humanizador no que converxan a memoria, a historia, o presente e o futuro que pretendemos para Mondoñedo”. Tamén que “calquera proposta de reforma debera considerar a praza no seu conxunto como un ben patrimonial singular e único, lugar de fundación da propia cidade, integrador de todos os seus espazos, cada un coa súa historia”.

Desmonta ademais os argumentos do Concello pois “non van, como se afirma, na dirección de recuperar a fisionomía da praza anterior a 1968 senón que, ó contrario, incide nos defectos da que se realizou naquel entón”. A necesidade de resolver problemas como accesibilidade, saneamento, recambio de pavimentación ou mellora de iluminación poden levarse a cabo sen necesidade de realizar actuacións tan lesivas”.

Proxecto / foto mondoñedo.es

Recollida de sinaturas

Denuncian ademais que o orzamento é insuficiente pois trala consulta a “diferentes técnicos”, no manifesto apúntase a que o orzamento previsto, de preto 260.000 euros, achegada en parte polo Ministerio de Transportes, a través do 1% cultural, non será dabondo para executar a obra. Afírmase tamén que debería terse convocado un concurso de ideas.

É por todo isto polo que habilitan unha recollida de sinaturas. Farase tanto presencialmente como a través da rede, “para que todas aquelas persoas que o desexen podan sumarse ao manifesto”. “Unha reforma nun espazo tan simbólico e tan sensible para o funcionamento da cidade como a Praza da Catedral, debe facerse co consenso imprescindible da cidadanía, coas máximas garantías democráticas. Así non”.

Detalle do cartaz da recollida de sinaturas

Pode que che interese...