fbpx
Casa Rialeda de Rafael González Villar / foto oleiros.org

Estes son os outros 19 edificios catalogados que si mercou e recuperou o Concello de Oleiros

Tempo de lectura: 4 min.

O pasado día 31 de decembro o Concello de Oleiros procedeu o derrube da histórica Casa Carnicero, con máis dun século de antigüidade e obra do xenial arquitecto Rafael González Villar. Fíxose despois de ós temporais nos últimos días de decembro deran lugar a novos derrubes nos muros, polo que, segundo relatan dende o Concello, se tomara a decisión de derrubala por seguridade e para evitar danos persoais.

“O Concello de Oleiros ten a responsabilidade e a obriga de garantir a seguridade cidadá e actuar con urxencia en casos coma este”, afírmase dende o Concello. Lembran que “os últimos temporais tiraron outra das paredes do que quedaba de edificio”.

Casa Carniceiro, de Rafael González Villar / foto proyectopalmera.com

Por “unha cuestión de seguridade cidadá, atendendo ós respectivos informes técnicos, o Concello procedeu á demolición das ruínas, para evitar a inminente caída de cascotes ou da parede ó completo sobre a beirarrúa e a N-VI, o que podería provocar unha gravísima desgraza humana”, afirman.

Un intento por recuperala que chegou demasiado tarde

E é que “o Concello de Oleiros demandoulle ós seus propietarios a restauración do edificio. Debido a diversos problemas familiares, económicos e xudiciais non puideron realizar esa rehabilitación, acadando un acordo co Concello mediante o cal entregaban gratuitamente a propiedade ó Concello, que pasaría a restaurala e incorporala ó patrimonio público”.

Casa Charry en Oleiros / foto Jglamela CC-By Wikimedia

Mais, nesta ocasión a mediación da institución non tería chegado a tempo. Pois “antes da sinatura das correspondentes escrituras, o edificio ardeu o pasado xullo nun incendio provocado, presuntamente por persoas que estaban a ocupar este inmoble ilegalmente, quedando irrecuperable”.

O traballo feito noutros 19 monumentos do concello

Mais o derrube xerou numerosas críticas nos medios e nas redes sociais xa que algúns expertos levaban meses apuntando cara o xeito de salvala. “A Casa Carnicero, ó igual que outros edificios relevantes e históricos do municipio, foi protexida urbanisticamente polo goberno municipal a través do Plan Xeral, para garantir a súa conservación ante o seu elevado valor patrimonial”, afírmase dende o Concello.

Pazo de Longora en Liáns, Oleiros, / foto Vilachan CCBy Wikimedia

Apúntase ademais dende o Concello que non é o único caso no que o Concello trata de facerse cun inmoble catalogado. Afírmase que “dada a importancia que o Goberno municipal lle outorga á historia e á arquitectura foise máis alá desa protección, procedendo a incorporar ó patrimonio público municipal 19 deses edificios catalogados no Plan que eran propiedade privada”.

Fálase de como “mediante un arduo traballo de xestión, rescatáronse e adquiríronse a través de diversas fórmulas os inmobles máis singulares do municipio, que hoxe son do Concello de Oleiros e prestan servizo ós cidadáns”. Porén nesta ocasión as xestións para recuperar a histórica vivenda de González Villar non deron froitos a tempo, acabando cunha das edificacións máis singulares do arquitecto a este lado da ría.

Pazo de Arenaza / foto oleiros.org

Estes son os 19 monumentos dos que se fala dende o Concello:

  • Castelo de Santa Cruz, propiedade do Exército, hoxe é o CEIDA.
  • A Fábrica, converteuse en centro cultural e deportivo.
  • Pazo de Arenaza, cedido á Deputación para centro de traballo compartido.
  • Villa Rialeda, biblioteca central do Concello.
  • Casa Echeverry, hoxe é un centro social para persoas maiores e tamén para reunións de mozos e mozas
  • Pazo de Lóngora, cedido á Universidade da Coruña para instituto do medio ambiente.
  • Pazo de Juana de Vega, actual escola de xardinaría e viveiro municipal.
  • Casa Charry, salón de plenos e sala de exposicións.
  • Casa do Arxentino, hoxe é un restaurante-hotel municipal.
  • Casa do fareiro de Mera, actual Aula do mar.
  • Casa da Finca Tenreiro, futuro albergue xuvenil.
  • Torreón Bescansa, rehabilitado interior e exteriormente.
  • Casa Labarta, escola pública infantil.
  • Casa de García de Dios, parque e oficinas municipais.
  • Ruínas do Pazo Ibarrola, parque público.
  • Convento dos Camilos, centro de formación.
  • Castro de Xaz, propiedade privada que actualmente é do Concello para a súa futura recuperación.
  • Torres de Santa Cruz, centro cultural, biblioteca e museo.
  • Casa de Agramar, casa para o uso dos mozos e mozas.
  • O Concello tamén financiou integramente, malia ser propiedade da Igrexa, a reconstrución pedra a pedra da Igrexa de Dexo, a rehabilitación da Capela de Santa Ana e co-financiou a recuperación da Igrexa de Liáns.

    Castelo de Santa Cruz en Oleiros / foto HdG

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: