fbpx
Un mosaico / foto WikiImagesCC0

Nace unha plataforma para defender a todos os arqueólogos de España

Tempo de lectura: 2 min.

Nas mans dos arqueólogos cae o papel de salvagarda da memoria conservada nos máis de 10.000 xacementos españois. Mais este traballo non é recoñecido pola gran maioría da poboación que ten unha visión difusa dun traballo que non é coñecido e valorado por toda a sociedade.

É precisamente por estes motivos polos que nace a Plataforma Estatal de Profesionais da Arqueoloxía (PEPA), unha plataforma que nace coa vontade de xuntar ós profesionais do sector para defender o traballo dun colectivo moitas veces infravalorado. A plataforma e foi creada o pasado mes de decembro e que agora, neste mes de febreiro, os seus estatutos verán a luz.

Máis de 2.500 profesionais

Esta plataforma nace grazas á unión das Seccións de Arqueoloxía dos Colexios Profesionais de Madrid, Cantabria, Cádiz, Almería, Granada e Xaén, Baleares, Valencia e Castellón e Galicia. Tamén de profesionais sen representación colectiva. A Plataforma Estatal de Profesionais da Arqueoloxía representará a máis de 2.500 profesionais.

O obxectivo é “revitalizar a imaxe social do arqueólogo e dotalo de prestixio profesional e categoría científica”, así como denunciar a “desorganización da administración e a intromisión laboral á que está sometido o colectivo”. Pois tal e como denuncian “hoxe en día, calquera titulado sen a especificidade de ser arqueólogo pode participar en convocatorias públicas para actuar en xacementos arqueolóxicos”.

Un arqueólogo traballando / foto JamesDeMersCC0

Máis de 2.100 xacementos BIC españois

E é que en España hai actualmente máis de 10.000 xacementos, dos cales só 2.100 son xacementos arqueolóxicos coa categoría de BIC ou Ben de Interese Cultural, a figura legal para a protección do patrimonio histórico español que máis protección outorga. A profesión da arqueoloxía é a que ten os profesionais cualificados para protexer e estudar este patrimonio.

Trátase de profesionais altamente cualificados que teñen como función salvagardar o patrimonio cultural de todos os cidadáns, o que implica o seu traballo, entre outros, no descubrimento e estudo de xacementos arqueolóxicos. Porén, a crise da COVID-19 está a deixar o colectivo nunha difícil situación, pois máis da metade dos arqueólogos están no paro nun sector que só ó comezo da pandemia xa tiña 36 millóns de perdas.

Esixir a creación dun convenio propio

A creación da Plataforma é o resultado de múltiples reunións e mesas redondas celebradas durante ano e medio, que rematou coa súa constitución a comezos de decembro en Madrid e Alcalá de Henares. Os estatutos da Plataforma aprobaranse definitivamente o vindeiro mes de febreiro onde o grupo de arqueólogos reunirase de novo en sesións virtuais.

A plataforma iniciará o seu traballo con as accións para esixir a revisión das leis de Patrimonio Cultural. Pediranse competencias específicas e a creación dun convenio propio que responda á reiteradas queixas e neglixencia de chamadas públicas e privadas.

Presentación da plataforma / foto plataformadearqueologia.es

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu