fbpx
Menhir de Erboedo na Laracha / foto Concello de Laracha

Nova vida para o menhir de Erboedo, na Laracha?

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello da Laracha quere dar nova vida ó Mehir de Erboedo. Así se desprende da última decisión tomada polo Concello e aprobada na última sesión da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou a expropiación dos terreos nos que se atopa o megálito da Idade do Bronce, tamén coñecido como Marco da Anta ou Pedra do Ghicho.

O obxectivo é adquirilos para preservar o valor histórico do que é “un dos elementos máis importantes do patrimonio arqueolóxico municipal”. Mais non é a única acción ó respecto, xa que a expropiación faise dentro do Plan Especial de Patrimonio Cultural –que modifica o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para darlle a máxima protección ó menhir  e tamén a outros seis elementos do catálogo de patrimonio municipal como o castro de Montes Claros, o castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres.

Menhir de Erboedo na Laracha / foto Concello de Laracha

Para a adquisición do ben está previsto un investimento duns 8.000 euros para unha superficie de 4.651 metros de solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal. Os trámites continuarán coa publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG) e coa exposición pública durante un mes, antes de abrir un período de alegacións.

Unha vez completado o procedemento de compra, o Concello estará en disposición de levar a cabo as actuacións precisas para permitir a conservación do menhir, poñelo en valor e acondicionar o terreo e os accesos.

O único menhir de Bergantiños?

O menhir de Erboedo situado, no lugar do Loureiro, nos montes de Santa Locaia, parroquia de Erboedo, preto do río Anllóns é cóntase como o único menhir identificado como tal nas terras de Bergantiños. Trátase dun monumento megalítico identificado como da Idade do Bronce.

Menhir de Erboedo na Laracha / foto Turismo de Laracha

Trátase dunha gran pedra de granito de gran groso cóncavo/convexo con tendencia ó prisma triangular, con vetas de cuarzo e feldespato. O menhir acada 2,05 metros de altura, 75 cm. de ancho na base prismática e 38 cm. na punta. No extremo distal presenta un suco de 4 cm. de grosor nunha veta de cuarzo que se aproveitou para escotar a cara oeste.

A súa entalladura recorda ás que teñen algúns dos ídolos das antas de corredor, e interprétase como un trazo antropomorfo ou unha representación fálica, que podería ter pervivido na cultura popular. O menhir cítase na Xeografía Xeral do Reino de Galicia, no volume de Carré Aldao do ano 1929.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: