O Concello de Oleiros derruba finalmente a Casa Carnicero
A casa Carnicero do histórico arquitecto Rafael González Villar, en Oleiros, non chegou a 2021. Foi derrubada no mediodía do pasado 31 de decembro por orde do Concello a través da empresa López Cao. A demolición, na que participou unha escavadora e un guindastre, obrigou mesmo a cortar un carril da ponte da Pasaxe.
E é que, tal e como contamos no seu día, o histórico edificio, con máis dun século de historia, foi presa dun lume o pasado mes de xullo. Tras o incendio e a visita do arquitecto municipal, dende o Concello afirmárase que o inmoble sufrira graves danos e que precisaría ser derrubado. Ademais algúns elementos puntuais viñéranse abaixo co temporal das pasadas semanas e, finalmente, o pasado xoves desapareceu para sempre.
Estes últimos danos serían o detonante da demolición pois, segundo o Concello, faríase para evitar que caera polo seu propio pé e evitar danos persoais. Porén non eran poucas as voces especializadas que estaban a pedir a súa recuperación. Mesmo dende o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia se denunciaba que a demolición non se axustaba ós procedementos da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia
Ademais, tal e como publicaban varios medios, o derrube non tería sido autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio. Agora o Concello de Oleiros, onde se atopan outros exemplos do arquitecto como a Casa Rialeda, queda sen un dos máis singulares exemplos da arquitectura residencial que no primeiro terzo do século pasado caracterizou a contorna da cidade da Coruña. Polo de agora aínda non se coñecen as causas do lume.