fbpx
Construión na contorna dunha praia galega / foto jackmac34CC0

O Tribunal Constitucional considera non urbanizable toda a Rede Natura 2000

Tempo de lectura: 2 min.

Unha macrourbanización nun espazo natural de Valdecañas, Cáceres. Este parece ser o responsable dunha sentencia que semella histórica por parte do Tribunal Constitucional. Pois, segundo se recolle dende Ecologistas en Acción, “péchase a porta a toda posibilidade de reclasificar solos en espazos incluídos nesta rede europea de espazos naturais”.

E é que, segundo este colectivo ecoloxista, o Tribunal Constitucional confirmaría que todos os espazos da Rede Natura 2000 deben quedar preservados da súa transformación urbanística e ser clasificados como solo non urbanizable de especial protección polos seus valores naturais, en aplicación da lexislación española e comunitaria. Esta regulación sería, ademais, de carácter estatal e básico e non podería ser alterada polas comunidades autónomas.

Pois a sentencia recollería que “a utilización dos terreos con valores ambientais que sexan obxecto de protección pola lexislación aplicable, quedará sempre sometida á  preservación de ditos valores (…). Protección que acada aínda maior intensidade, se cabe, no caso dos espazos naturais especialmente protexidos e os incluídos na Rede Natura 2000”.

Hotel do Algarrobico en Almería / foto Untipografico CC-By Wikimedia

Esta sentencia do Tribunal Constitucional recolle a xurisprudencia do Tribunal Supremo que xa ditaminara a inclusión de terreos na Rede Natura 2000 e que “comporta a subxección de eses terreos a uns réximes de protección que (…) determina que sexa preceptiva a súa clasificación como solo non urbanizable de especial protección”, citan dende a asociación ecoloxista.

E é que Ecologistas en Acción xa levaron ós tribunais varios casos soados de construción en espazos naturais protexidos. Entre eles os máis famosos foron o hotel El Algarrobico, construído en solo protexido do Parque Natural Cabo de Gata-Níjar, Almería, e Valdevaqueros, Cádiz, onde se aprobou un proxecto de urbanización a pesar de estar incluído no Parque Natural del Estrecho. Ambos foron declarados ilegais polos tribunais.

Camiño nas Fragas do Mandeo / foto Íñigo Mouzo Riobó

Pode que che interese...