fbpx
Edificio A Nave Espacial / foto Concello de Sada

Sada homenaxea a Isaac Díaz Pardo recuperando, con deseños inspirados na súa arte, un antigo edificio

Tempo de lectura: 2 min.

Sada é a vila por excelencia de Isaac Díaz Pardo, a súa vila de nacemento e onde fundou as Cerámicas do Castro. Foi tamén en tempos un gran foco cultural e monumental cun riquísimo modernismo arquitectónico que se foi perdendo ata practicamente desaparecer nas últimas décadas, substituída por algunhas arquitecturas máis actuais.

Unha destas arquitecturas fillas do Movemento Moderno foi uns antigos vestiarios anexos a unhas pistas deportivas no paseo marítimo que non eran empregadas. Agora o Concello de Sada acaba de recuperar cunha reforma e intervención pictórica para convertelos nun novo espazo multiusos para a vila que homenaxea ó xenial empresario e creador.

Pois a intervención reinterpreta nas distintas fachadas motivos da cerámica do Castro e obras moi coñecidas de Isaac como A sardiña, imaxe do Concello de Sada ou A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida. Un espazo que xira así ó redor da vida e obra de Isaac no centenario do seu nacemento.

Trátase dunha intervención de Javier Bermúdez, un ilustrador formado na escola Pablo Picasso da Coruña e veciño do barrio sadense de Fontán. Tamén se fixo unha reforma do seu interior converténdoo nun espazo neutro, cunha actuación para habilitar dúas salas multiusos que levan o nome de Sala mímina e Sala o vello.

No tocante ó nome deste novo espazo Sada optou por denominar á construción A nave espacial. Inspírase nunha das obras plásticas máis coñecidas de Isaac, tanto pola forma do edificio como polo título e a tipografía dun folleto publicado en 1964 no que aparecen os debuxos do artista. O Concello de Sada está a traballar no uso que lle dará ó espazo.

Edificio A Nave Espacial / foto Concello de Sada

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: