fbpx
Petróglifos achados en Montouto foto Colectivo A Rula

Seguen a aparecer petróglifos no entorno de Santiago: catro novas estacións ó pé da Pedra Escorredía

Tempo de lectura: 4 min.

Na aba do cumio de Montouto, na pendente orientada ó sur, a que mira ó Pico Sacro,ó leste da estrada AC-841, foi onde Tamara Sánchez, unha veciña dos Teo, atopou dúas estacións de arte rupestre mentres apañaba cogomelos. Días despois a propia veciña identificou outras dúas estacións na contorna da urbanización dos Tilos onde reside.

Tamara, historiadora da arte e coñecedora do lugar, avisou ó Colectivo A Rula que deu conta nos pasados días deste singular achado. Trátase por tanto de catro novas estacións nunha zona especialmente interesante, na ruta da Batalla de Cacheiras e moi preto da singular Pena Escorredía, nun lugar con contacto visual coa cidade de Santiago e con varios fitos xeográficos da contorna.

Ademais “neste rico contexto cultural, as recentes descubertas evidencian que tamén foi unha zona de certa importancia na Prehistoria”. Pois a estes achados habería que sumar varias estacións catalogadas no concello de Teo, mesmo na zona dos achados, como é o petróglifo da Estivada do Vilar, así como varias mámoas. Entre elas a necrópole megalítica do alto de Montouto, que tamén documentou no seu día o Colectivo.

Coviñas e conxuntos circulares

Das catro estacións descubertas, dúas estarían na aba do Montouto na ladeira sur, na faldra da propia Pena Escorredía. Nun lugar no que se desenvolveron recentemente traballos de roza, eliminación de eucaliptos, así como tamén replantacións o que facilitou o achado. As outras dúas atópanse a primeira delas na aldea de Cobas, moi preto do linde coa urbanización dos Tilos, e a segunda nun espazo público á beira das escaleiras que comunican dúas rúas desta urbanización.

Santiago visto dende Montouto foto Colectivo A Rula

“Estes novos petróglifos presentan características semellantes a outras estacións de arte rupestre xa catalogadas en Teo”. Un conxunto de estacións con gravados de tipo xeométrico, coviñas e conxuntos circulares, localizados a unha altitude entorno ós 250 m, nunha zona media–alta do val. “Sitios chans con fácil acceso a mananciais de auga, ó carón de antigos camiños e de grande visibilidade sobre a súa contorna próxima”, contan dende A Rula.

De igual xeito, cómpre sinalar que, a diferenza da maioría dos petróglifos teenses, estes gravados empregan soportes pouco habituais, o granito de gran moi groso e xistro. Soportes que dificultan a súa conservación ó longo do tempo e aumentan a singularidade destes petróglifos. De feito, as dúas estacións dos Tilos son as primeiras que temos rexistradas na comarca que empregan este tipo de soporte.

Un gran conxunto ó redor da Pedra Escorredía

“Porén, o aspecto máis significativo destas novas estacións é a súa localización nunha zona onde non se tiñan documentado ningún tipo de xacementos con arte rupestre que, probablemente, daten de inicios da Idade do Bronce” relatan dende a asociación. “Estes petróglifos testemuñan a ocupación dende a Prehistoria desta área da aba da Pena Escorredía e Montouto que dá acceso ó val do Santa Lucía”.

O máis singular destes achados, alén de incrementar a enorme nómina de conxuntos que se están a atopar ó longo das dúas últimas décadas na contorna da cidade de Santiago de Compostela, é a súa proximidade a un fito rupestre territorial especialmente significativo: a Pedra Escorredía. Dende o colectiva asocian o achado con esta pedra de enorme significación.

“Estas novas descubertas testemuñan a ocupación destas chairas, previas ó alto de Montouto, polas primeiras sociedades prehistóricas que habitaron esta zona do concello de Teo”. A zona  “é coñecida pola súa famosa pena escorregadiza chamada a Pena Escorredía, un enorme macizo granítico que presenta unha forte pendente nun dos laterais que foi empregada como tobogán dende tempos inmemoriais pola veciñanza da contorna”.

Esta curiosa formación natural foi examinada o pasado ano polo estudoso Martín Almagro Gorbea que a incluíu nun inventario das grandes rochas, que el designa como “peñas sacras”, realizado en diferentes rexións españolas. Estas laxes espalladas por toda a xeografía peninsular con diferentes nomes, arrastraculos, “resbalinas”, “resbaladeras”… estarían asociadas a antigos rituais de fertilidade.

Petróglifos achados en Montouto foto Colectivo A Rula

Un singular conxunto a divulgar xunto a Batalla de Cacheiras

Como é habitual con cada achado o Colectivo A Rula dará conta nun informe detallado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e ó Concello de Teo para a súa catalogación. “Dende o Colectivo A Rula pensamos no interesante que sería incluír a posta en valor destes novos elementos patrimoniais conxuntamente co resto de bens da ruta da Batalla de Cacheiras.

Dende o Colectivo consideran a importancia de divulgar estes achados xunto coa Pedra Escorredía e a famosa batalla que en 1848 “permitiu dar paso á Galicia contemporánea”, nunha zona que foi tamén unha encrucillada de camiños de acceso ás terras de Compostela.  “A Pena Escorredía e os novos petróglifos enriquecerán este vieiro que vertebra unha área emblemática na historia teense”, afirman. “Se é así, contarán coma sempre, coa nosa colaboración”.

Pode que che interese...