fbpx
Arsenal de Ferrol / foto hwi62CC0

Unha carta denuncia os máis de 23 símbolos e nomes franquistas nas instalacións militares de Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

“As abaixo asinantes, presas políticas de Ferrol na ditadura, tivemos coñecemento polos medios de comunicación que o ministerio de Xustiza está a traballar na reforma do Código Penal que tipificaría como delito a apoloxía ou exaltación do Franquismo. Tamén que Adriana Lastra manifestaba que se retirará a simbología franquista que aínda queda en lugares públicos, así como a existencia dun anteproxecto de Lei de Memoria Democrática prohibe actividades de exaltación e enaltecemento da ditadura”.

“Pero manifestamos o noso escepticismo porque desde hai máis de corenta anos é unha evidencia que os sucesivos gobernos dende a morte do ditador Franco non tiveron vontade política para acabar con esta vergoña”. Así fala unha carta enviada á Ministra de Defensa Margarita Robles por 17 presas políticas de Ferrol e na que se denuncia a permisividade coa exaltación do Franquismo así como os máis de 23 símbolos e nomes franquistas nas instalacións militares de Galicia.

Capitanía Xeral na Coruña / foto turismo.gal

A historia dunha esixencia de democracia

Tal e como lembra a carta, xa no ano 1981 fíxose na cidade de Ferrol o primeiro gran intento por retirar os símbolos do Franquismo. Foi na alcaldía do socialista Xaime Quintanilla Ulla, na que se aprobou retirar as rúas con significacións franquistas e militares golpistas da cidade. Mentres isto sucedía, como recolle o texto “o Ministerio de Defensa permitía que varias rúas do Arsenal Militar de Ferrol fosen bautizadas con eses mesmos nomes”, que perviven hoxe en día.

Despois, coa aprobación da Lei de Memoria Histórica en 2007, os sucesivos ministerios de Defensa dos gobernos de PSOE e PP non retiraron eses polo menos dez nomes desas rúas franquistas do Arsenal. No ano 2009 o Pleno de Ferrol, alcaldía do socialista Vicente Irisarri e cos votos a favor do PSOE, Esquerda Unida e BNG, pedía ó Ministerio de Defensa o cambio de nomes desas rúas. “Pero Defensa non fixo nada”.

Escola Naval de Marín / foto Contando Estrelas CC-By Wikimedia

Máis tarde, no ano 2014 a deputada do PSOE no Congreso, María Paloma Rodríguez Vázquez, presentaba en xaneiro de 2014 unha proposición non de lei para que se retirasen esas rúas do Arsenal Militar de Ferrol. A petición tampouco foi atendida polo goberno de Mariano Rajoy.

Finalmente, xa no ano 2018 o Manifesto en contra do Franquismo nas Forzas Armadas, denunciaba o incumprimento da Lei de Memoria Histórica e apuntaba cara esas placas e nomes das rúas do Arsenal. Mesmo se pedía a colaboración de historiadoras como Bernardo Máiz, Xosé Manuel Suárez e Soledad Gómez de las Heras, para presentar o nome de dez persoas relacionadas coa Armada e o Arsenal ferrolán, que loitaron e sufriron polos valores democráticos e cívicos, como reemprazo. Mais tampouco tivo resposta.

Museo Militar de Galicia na cidade da Coruña / foto Albert galiza CC-By Wikimedia

23 símbolos e nomes franquistas nas instalacións militares de Galicia

Segundo os represaliados que asinan a carta, a presenza, máis de corenta anos despois do final do Franquismo destes nomes no Arsenal, trátase “dunha ofensa á democracia e ás 714 persoas, entre civís e militares, asasinadas polo franquismo na comarca de Ferrol”. Máis a nómina de símbolos franquistas nas instalacións militares de Galicia é aínda maior. Estes son algún deles:

  • CUARTEL SÁNCHEZ DE AGUILERA: Denúnciase que ademais dos dez nomes desas rúas franquistas do Arsenal na cidade de Ferrol poden atoparse outros símbolos. Dentro do mesmo Arsenal, no cuartel Sánchez Aguilera aínda se conserva un escudo franquista na súa fachada.

  • IGREXA DE SAN FRANCISCO DE FERROL: Na entrada e en lugar preferente atópase unha gran cruz coa inscrición: Caídos por Dios y por España. Despois unha placa con este texto: La Marina de Guerra a los gloriosos caídos del Baleares, caídos por Dios y por España en el Crucero Baleares ¡Presentes!. Segundo a carta “unha igrexa convertida, coa colaboración do Ministerio de Defensa, nun auténtico museo de exaltación do franquismo”, na que tamén está sinalizada a pía onde foi bautizado o ditador Franco.

  • HOSPITAL JUAN CARDONA DE FERROL: O propio nome xa fai alusión a un militar golpista. Mais na entrada do hospital pode verse a escultura de Camilo Alonso Vega, tamén militar golpista, tenente xeneral, ministro da ditadura que é cualificado nunha placa como un Soldado heroico. Gobernante exemplar. Paradigma de lealtades. Alonso Vega era coñecido entre a militancia antifranquista como “Camulo” pola represión violenta contra o pobo.

  • COLEXIO MORENO FERNÁNDEZ EN PONTEVEDRA Segundo a carta “o Defensa se nega dende hai anos a cambiar o nome do colexio Moreno Fernández, que depende deste Ministerio”, na cidade de Pontevedra. Moreno Fernández estaba ó mando do acoirazado Canarias na chamada “Espantá” ou fuxida de máis de 100.000 persoas pola estrada Málaga-Almería, bombardeados polos franquistas provocando máis de 5.000 mortes.

  • RESIDENCIA GENERAL BARROSO EN SANTIAGO EN SANTIAGO. En Santiago está a Residencia de Estudiantes Teniente General Barroso, que depende do Ministerio de Defensa. Trátase dun militar golpista que durante a Guerra Civil foi Xefe do Cuartel  Xeneral de Franco e despois Ministro do Exército entre 1957 e 1962. Por En Valencia retirouse por unanimidade a distinción de Fillo Adoptivo do xeneral en 2016.

  • SALA DE HONRA Ó XENERAL YAGUE NA CAPITANÍA DA CORUÑA. No edificio de maior rango militar de Galicia, a Capitanía Xeneral e Real Audiencia da Coruña, na Cidade Alta, consérvase unha placa sinala o nome da Sala de Honor: Gral. Yagüe. Foi coñecido popularmente como o Carniceiro de Badajoz, despois de asasinar ó mando do exército franquista a 4.000 persoas na praza de touros desa cidade, declarando despois: “naturalmente que los hemos fusilado”.

  • MUSEO HISTÓRICO MILITAR DE CORUÑA Denuncian tamén varios contidos do Museo Histórico Militar da Coruña. “A explicación do alí exposto podería corresponder perfectamente a calquera ano da ditadura. O retrato e o busto de Francisco Franco está acompañado dun texto no que non se fai referencia a que o 18 de xullo de 1936 houbo unha sublevación militar contra a Constitución e tampouco se cualifica a Franco como ditador”. Nos retratos do Marqués de Cavalcanti -José Cavalcanti de Alburquerque y Padierna- e do xeneral José Luis Romero Corral “non se explica que se trata de dous golpistas que participaron no exército dos sublevados en 1936”. Sergio Peñamaría de Llano ten un retrato no museo ó seu uniforme de militar e condecoracións e unha vitrina coa súa pistola. Non hai referencias a que “protoganizou unha criminal represión como tenente da Lexión en 1939 na comarca de Valdeorras e tamén como fiscal militar, solicitando penas de morte, entre outros, para dirixentes do PCE”.

Igrexa de San Francisco de Ferrol / foto turismo gal

Na carta á Ministra afírmase que “é moi preocupante a exaltación do ditador Franco en manifestos públicos de militares, cando algúns fixeron a súa carreira na democracia”. Recordan que “o Código Penal de Alemaña contempla penas de até tres anos de cárcere por exaltación do nazismo” e “en Italia a apoloxía do fascismo pode ser castigada até con catros anos de prisión e tamén está penalizada a propaganda do réxime fascista”.

Escola Naval de Marín / foto Drow male CC-By Wikimedia

Pode que che interese...