fbpx
Técnicas científicas de restauración de bens / CCG

Unha xornada do Consello da Cultura Galega debate sobre o papel da tecnoloxía na conservación do patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

“Que poden facer as técnicas de análise non destrutiva pola restauración e conservación do Patrimonio?” Este é o título dunha nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC). Unha cita organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) que busca mostrar, a través de casos prácticos realizados dentro e fóra de Galicia, como a tecnoloxía destinada á conservación e recuperación nos axuda coñecer mellor o patrimonio. O debate en directo terá lugar o martes 26 ás 18:00 horas, pero os vídeos das intervencions dos participantes estarán xa disponibles desde mañá luns.

As metodoloxías científicas existentes na actualidade son diversas pero moitas adoitan ter un carácter destrutivo que imposibilita o seu uso sobre os bens culturais. A concienciación do carácter destrutivo da toma de mostra impulsou o desenvolvemento de tecnoloxías non destrutivas que evitan este proceso. Dende o simple exame organoléptico até o uso de todo tipo de radiacións do espectro electromagnético para analizar as obras e, ao mesmo tempo, manter a súa integridade e valor cultural, foi un longo camiño que está a dar o seu froito no desenvolvemento de equipos portátiles que permiten ademais realizar os estudos a pé de obra.

Esta cita pretende poñer de relevo a información que se obtén dunha obra na análise científica previa a restauración. Para iso, distintos especialistas integrantes do Grupo de Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural (GEMAP) da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerán a información en diferentes ámbitos concretos. Beatriz Prieto Lamas, falará de como as tecnoloxías portátiles de monitorización axudan a resolver problemas relacionados con humidades e colonización biolóxica. Patricia Sanmartín Sánchez abordará, con numerosos exemplos, a información sobre a cor no patrimonio. Por ultimo, Daniel Vázquez Nion falará dunha ferramenta indispensable como é a fluorescencia de raios X portátil que axuda a coñecer a composición do patrimonio cultural inmoble.

Os que queiran participar poden facelo enviando o seu comentario a participa@consellodacultura.gal

Pode que che interese...