fbpx
Frame do vídeo / YouTube

Vídeo: Así foi a recepción do califa al-Hakam II ó rei Ordoño IV, tras perder o seu trono

Tempo de lectura: 2 min.

No ano 962 o califa al-Hakam II recibe no complexo pacego de Madinat al-Zahra ó deposto rei Ordoño IV. Este vén reclamar o apoio omeia contra o seu curmán Sancho I, colocado no trono por Abd al-Rahman III, uns anos antes. Aínda que a audiencia resultou ser en balde, pois o obxectivo de Ordoño IV non foi acadado, si deixa un episodio histórico extraordinario para coñecer as complexas relacións entre os reinos peninsulares no século X.

O complexo arqueolóxico Madinat al-Zahra e a Consejería de Cultura y Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía desenvolveron unha recreación audiovisual desta cerimonia palatina celebrada no Salón Abd al-Rahman III ou Salón Rico. Trátase dunha “pequena xoia e tamén un espléndido testemuño da diversidade e dinamismo de Madinat al-Zahra como punto de intersección de culturas compartidas, ás veces en conflito, ás veces en cooperación”.

 

Unha loita polo trono con Santiago e Córdoba de fondo

Anos antes, Ordoño IV, fillo de Afonso IV e sobriño de Ramiro II, fora coroado na cidade de Santiago de Compostela tras a expulsión do trono de Sancho I. Foi no ano 958, cando un grupo numeroso de nobres, especialmente os galegos, entre eles Rosendo de Celanova, xunto ó conde de Castela e o bispo de León, Fernán González, aliáronse con Ordoño para expulsar a Sancho I.

Arroupado polos seus partidarios e despois dun duro asedio ás cidades de León e Castro del Rey Ordoño fíxose co reino. Foi nun período de especial convulsión marcado polo enfrontamento entre faccións nobiliarias galegas, castelás e asturianas irreconciliables, sobre as que tratou de pór orde, gañándose o alcume de Ordoño IV o Mao.

Entre os beneficiarios do seu ascenso ó trono estivo a propia igrexa compostelá, en tempos do bispo Sisnando. Porén, tras varios fracasos de goberno, produciuse a ruptura entre os seus aliados, quedando ó seu lado Fernán González mentres Rosendo optou pola volta de Sancho. A favor deste último estivo tamén o monarca cordobés Abd al-Rahman, quen axudou coas súas tropas á toma da cidade de Zamora.

Foi despois deste episodio cando Ordoño IV vese obrigado a pedir axuda a al-Hakam II, fillo de Abd al-Rahman,  concedéndolle este a os seus favores a cambio de duras condicións en beneficio do califato, entre elas unha paz permanente con al-Andalus. Mais un novo pacto, tamén vantaxoso para o califato, con Sancho I fixo esquecer a súa palabra a al-Hakam. Ordoño IV morreu en Córdoba no ano 962 ou 963 lonxe do trono.

Conxunto arqueolóxico de Medinat al-Zahra en Córdoba / foto Wwal CCBy Wikimedia

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...