Máis de 26 bens inventariados afectados por outro parque eólico en Agolada | Historia de Galicia
Montaxe sobre unha foto dos hábitats protexidos afectados / foto Petón do Lobo

Máis de 26 bens inventariados afectados por outro parque eólico en Agolada

Tempo de lectura: 2 min.

Unha vez máis outro parque eólico está a ameazar ó patrimonio cultural e natural, neste caso, da comarca do Deza. Trátase do parque Monte do Outeiro, no concello de Agolada, no corazón xeográfico de Galicia. Un parque proxectado pola empresa Green Capital Developme NT L, S.L. a pouco máis de dous quilómetros da capital do concello.

Tal e como recolle a Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, trátase dun parque de  33 mw de potencia instalada coa construción de 6 aeroxeradores de 121 metros de buxe e 158 de diámetro de rotor e un área de varrido de 19.607. Para el construirase tamén unha subestación, un centro de control e unha liña de conexión T de 132 kv, que será obxecto dun proxecto independente compartido con outros parques da empresa.

Relación do parque co patrimonio da zona / foto Petón do Lobo, sobre o documento de inicio do p.e. Monte do Outeiro

23 petróglifos, 1 mámoa e 1 necrópole afectados

Dentro do proxecto cítase a afectación de varios bens patrimoniais inventariados, entre eles 23 petróglifos, unha mámoa e unha necrópole. Trataríase da Mámoa dos Muíños, a Necrópole da Costa, a Casa de Gallego, os petróglifos do Monte das Fontelas (once conxuntos), os petróglifos de Valga da Costa (tres conxuntos), os petróglifos da Pedra do Rego da Laxosa (tres conxuntos),  os petróglifos do Monte da Costa (dous conxuntos), os petróglifos do Coto das Fontelas (dous conxuntos) e o conxunto dos petróglifos do Monte do Xastre.

Segundo a documentación gráfica que tamén recolle Petón do Lobo, pode verse como tres dos aeroxeradores localizaríanse no borde mesmo da área de protección dos bens arqueolóxicos que segundo a Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia é de 200 metros. Porén varios dos camiños de acceso atravesarían esta área de protección quedando a poucos metros.

O parque afectaría ademais a diversos hábitats protexidos pola Directiva 92/43/CEE, como a ZEC Sobredais do Arnego, a ZEC Serra do Careón e o ZEC Monte Faro. Tamén á área de Paisaxe Galicia Central. Afectaría a anfibios, aves, réptiles e mamíferos, algún deles en perigo de extinción como o circus pygargus ou o chalcides bedriagai. A asociación presentou alegacións ó proxecto e puxo a disposición da cidadanía un modelo para alegar ó proxecto.

Hábitats protexidos afectados polo proxecto eólico brezais secos europeos / foto Petón do Lobo

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: