fbpx
Penedos de Traba / foto Turismo de Laxe

Alegacións, petición en Change.org e pronunciamento de expertos para salvar os Penedos de Traba

Tempo de lectura: 3 min.

Dous parques eólicos, Monte Chan e Pena dos Mouros, con 16 aeroxeradores de ata 127 metros de altura literalmente enriba da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba. Este é o proxecto que está a causar gran indignación na Costa da Morte ó supor un auténtico atentado contra unha das paisaxes máis excepcionais da zona, entre os Concellos de Vimianzo e Laxe.

É precisamente por isto, polo que se está a comezar a organizar a mobilización de administracións e veciños para salvar o lugar, nun momento no que a instalación de xeradores eléctricos en diferentes lugares emblemáticos e protexidos da xeografía galega estase a converter nun importante problema.

Fronte común dos tres concellos afectados polos dous parques

Se nun primeiro momento foron as asociacións Petón do Lobo e a Asociación Ambiental Contramínate as que deron a voz de alarma, neste momento comezan a sumarse á oposición ó proxecto grupos políticos, veciños e expertos. Tamén os tres Concellos ós que afectarán os polémicos parques: Laxe, Vimianzo e Camariñas.

Penedos de Traba / foto turismo.gal

Adiante Vimianzo e BNG propuxeron mocións para o rexeitamento dos parques eólicos nos concellos de Vimianzo e Laxe. Ambos os dous Concellos, xunto co de Camariñas, tomaron a iniciativa de plantarse fronte á Xunta para esixir a retirada do proxecto, afirmando que presentarán alegacións e animando tamén á mobilización cidadá.

De feito foi Vimianzo ó primeiro en confirmar, mediante unha nota de prensa, que presentarán alegacións.“Non podemos permitir que un área de tanta riqueza paisaxística e valor natural e social, así como a súa contorna, quede invadida polos muíños de vento. Que sexa Paisaxe Protexida implica unha serie de condicións e teñen que respectarse”, afirmaba a alcaldesa Mónica Rodríguez.

Parques eólicos ó redor do val de Traba. en laranxa os parques sobre os Penedos de Traba / foto Asociación Ambiental Contramínate

Preto de 3.000 sinaturas en Change.org

Mais o rexeitamento do proxecto non está só en mans das administracións, senón que foron os veciños da zona os primeiros en mobilizarse para defender a súa contorna paisaxística e natural. Pois, como xa contamos, a veciñanza de Laxe comezou  unha manifestación virtual nas redes sociaisa pasada semana, promovida polo Colectivo Rede Galega por un Rural Vivo.

O mesmo tempo iniciouse tamén unha campaña de recollida de sinaturas na plataforma Change.org. A campaña, iniciada fai menos dunha semana, leva recadadas xa preto de 3.000 e pode asinarse neste link. A petición, dirixida á Xunta de Galicia, conta con sinaturas de persoeiros da Costa da Morte como a do investigador Xosé María Lema Suárez ou o profesor e político Manuel Antelo Pazos.

Lagoa de Traba / foto turismo.laxe.gal

Ademais, neste sentido estanse a multiplicar as voces nos medios que están a amosar a súa oposición ó proxecto. Entre eles o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, que ven de publicar un artigo denominando o conxunto como un dos maiores afloramentos graníticos de Galicia. Segundo el a acción do vento e da chuvia liberaron máis de 10 quilómetros de sedimentos, deixando á vista as primeiras rochas que se formaron en Galicia fai 300 millóns de anos.

 

Pode que che interese...