Coñece a historia da cova da serea do río Lérez | Historia de Galicia
Pedra coñecida como Cachote ou a Rocha da Moura no río Lérez / Lidia Mariño

Coñece a historia da cova da serea do río Lérez

Tempo de lectura: 4 min.

Moi poucos saben que no río Lérez hai unha serea. Á altura de Calvelo, hai unha zona do río coñecida coma o Pozo Negro. Chámase así por por ser un lugar de moita fondura, non se sabe nin canta, pois botouse nel unha corda e non se conseguiu tocar chan, quizais non o teña. Este lugar considérase moi perigoso polos veciños, pois contan que ten desaparecido xente nel. Na beira do pozo existe un enorme penedo coñecido coma o Cachote ou a Rocha da Moura. Disque que sobre el, tódolos días ás doce da noite, aparecíase peiteando con peite de plata unha muller moi fermosa de longos cabelos louros e corpo de serea. Ó dicir dalgúns, tratábase dunha linda rapaza que tivera caído no pozo e acabara por se converter en serea, e que desaparecía cando se tentaba achegarse a ela. Tamén o propio penedo sobre o que se aparecía tiña algunha clase de encantamento, xa que podía deixar sen pelo ós que tentaran pasar a noite durmindo sobre el, e quedaron cegos dous canteiros que quixeron rompelo.

Ata aquí o que nos conta a lenda. Pero, para afondar na fascinante historia cómpre, primeiramente, visitar o lugar e, despois, sentarse a analizar os elementos que a compoñen. A primeira parte non foi tarefa en absoluto sinxela, pero conseguimos chegar. O penedo conta cunhas cantas peculiaridades que o fan interesantes. A primeira o seu tamaño, que o converte nun fito destacado da paisaxe, como a miúdo adoitan selo os lugares asociados coa Moura. A segunda, a presenza tamén recorrente de pías naturais na súa superficie, unha de grande tamaño que nos fixo lembrar á Pía da Moura do Xurés, onde esta figura mítica se baña. E, a terceira, son os remuíños que a auga do río fai contra ela. Talmente parece que, por momentos, algo se axita baixo a auga tentando saír á superficie, o que nos deixa observándoa hipnotizados coma se, en calquera momento, a serea fose a amosarse.

Unha das pías do Cachote ou a Rocha da Moura, no río Lérez, onde se di que habitaba unha serea / Lidia Mariño

A outra cova

Pero hai outro elemento destacado no lugar, un que non mencionan as lendas das que temos coñecemento pero que, estamos seguras, tivo que formar parte da xeografía mítica, xunto co penedo e o pozo sen fondo. E é que, xusto en fronte da Rocha da Moura, da outra banda do río, se atopa unha cova que fai de mirador sobre ela. É unha cachola furada polo vento no seu interior e sabemos, por experiencia, que estes lugares adoitan asociarse á figura da Vella, pois coñecemos de a lo menos catro que cumpren a pauta. Isto é así polo curioso que resultan esas oquedades na rocha que, segundo miña avoa, eran as alacenas para os seus moradores. Logo está o detalle de que, no fondo da cova, se abra unha abertura que faga de mirador perfecto sobre o Cachote da Moura. E, por último, a forma na que o sol se filtra na cova a través dunha abertura superior, iluminando o seu chan.

Logo de visitar o lugar, toca sentarse a reflexionar. Comecemos por facelo acerca da figura da serea. Serea que, á vez, é unha Moura, e non é nin moito menos esta a única lenda na que ámbalas figuras míticas se asocian, senón que existen no país moitas máis nas que se da esta pauta. Xa no noso artigo do “Fol de Veleno” 2020 recollemos unha lenda sobre unha serea, e dabamos datos a favor da idea de que esta figura mítica fose, en orixe, unha antiga divindade:
“Cabe destacar que temos constancia da existencia de deusas con forma de serea -tal como a Atargatis ou Derceto siria-, así como da canonización da Serea mítica baixo a advocación dunha santa -a fascinante historia de Santa Murguen na Irlanda medieval, algo similar ó que puido ter acontecido coa nosa Santa Mariña, pois recolle tamén Vasconcelos a denominación de Mariñas para as Sereas-. Xa que logo, non resulta descamiñado pensar que se trate esta figura mítica do recordo dunha antiga divindade” (MARIÑO, L. 2020)

Lidia Mariño no Cachote ou a Rocha da Moura, no río Lérez, onde se di que había unha serea moura

Lendas

Tamén relatabamos as lendas que nos contaron sobre outra pozo coma este, un dos numerosos pozos sen fondo da nosa terra. Apuntabamos o feito de que, noutros lugares de Europa, sexan ó lugar onde van as almas dos que morren e de onde saen as almas dos meniños que nacen (unha idea na que afondaremos na nosa próxima publicación):
“Tamén din que no fondo do pozo se escoitan voces. Uns din que se lanzas unha pedra escoitas laiarse alá embaixo. Outros que so é un día concreto do ano -do cal non se lembran- no que se te achegas ó lugar podes escoitar as voces dos que alí están. O topónimo tamén esperta controversia, atribuíndoo algúns ás penas ou lamentos e outros ás almas en pena.” (MARIÑO, L 2020)

A confluencia destes dous datos, aproximan esta xeografía mítica e a súa lenda a aquelas das que, recentemente, falaba o blogue Beira Atlántica: as das sereas e as cidades asolagadas. Tanto nelas coma na nosa se repite unha pauta: a dun mundo, o Outro Mundo, o mundo dos mouros, o mundo das ánimas, que se atopa agochado baixo as augas e que, só en certos días do ano, se nos permite albiscalo dende o noso. Un mundo do que a Serea-Moura é a súa figura máis destacada: a única capaz de habitar a medio camiño entre ámbolos dous, o Aquén e o Alén, dualidade reflexada xa na súa propia anatomía, medio humana e medio ser acuático.

BIBLIOGRAFÍA:
• MARIÑO VENTOSO, L. (2020): “Ritos e crenzas dunha aldea mariñeira. Unha aproximación etnográfica á relixiosidade da Silva (Porto do Son)” En Anuario de Antropoloxía e Historia de Galicia “Fol de Veleno” nº9
• Blogue BEIRA ATLÁNTICA: A serea resiliente.
• GALICIA ENCANTADA

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: