fbpx
Runner / foto Ben_Kerckx CC0

É posible visitar o patrimonio cultural dunha cidade… correndo?

Tempo de lectura: 3 min.

Existen moitos xeitos de visitar o noso patrimonio cultural, visitas guiadas, teatralizadas, incluso subacuáticas. Mais o Concello da Coruña, dun xeito pioneiro quere promover unha nova forma de achegarse ó patrimonio cultural e natural da cidade ó mesmo tempo que se fai deporte: correndo.

E é que a Concellería de Deportes da Coruña prepara un programa pioneiro de catro visitas guiadas centradas no ámbito deportivo que lle permitirán á cidadanía coñecer o patrimonio coruñés ó mesmo tempo que realiza exercicio. Estarán conducidas polo guía Suso Martínez e os percorridos sumaranse ao resto da oferta municipal sobre zonas e recunchos emblemáticos da cidade.

As visitas consistirán nunha primeira, en modo paseo, polo “deporte coruñés” e outras tres máis para facelas correndo denominadas “running tours”. Os itinerarios irán desde a praza de María Pita á Torre de Hércules, a primeira das rutas, unha segunda abarcará o parque escultórico do faro, e unha terceira partirá desde a Torre e rematará en Riazor.

Contorna da Torre de Hércules na Coruña / foto Concello da Coruña

Nos percorridos, de ó redor de 3 quilómetros de distancia, correrase e se alternará con explicacións sobre monumentos e paisaxes. O grupo trotará a ritmo suave tras o guía e pararase para escoitar as explicacións sobre diferentes monumentos. Entre eles a praza de María Pita, as murallas do Parrote, o cemiterio de Santo Amaro, a fonte dos surfeiros, o monumento ós heroes do Orzán ou ás diferentes intervencións do Parque Escultórico da Torre.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, asegura que “serán experiencias únicas coas que achegármonos ó patrimonio coruñés practicando deporte”. A edila asegura que no verán as catro visitas guiadas serán un importante reclamo turístico, polo que a idea será ampliar a súa frecuencia.

Runner no paseo marítimo da Coruña, no tramo deseñado por César Portela / foto Jose Luis Cernadas Iglesias CCBy Wikimedia

Unha ruta para descubrir a historia do propio deporte da cidade

Nunha das rutas repasarase a historia do deporte na cidade da Coruña e as súas persoas protagonistas xunto ós escenarios en que destacaron. Recordaranse fitos como os que ocorreron no corralón da Gaiteira e A Granxa. Tamén os do campo de Riazor e o estadio que se constrúe a comezos dos 40, unha arquitectura que se revisará para acoller o Mundial de 1982 e que finalmente nos 90 recibirá o “fenómeno do Superdepor”.

Ademais do fútbol, abordaranse outras especialidades como o hóckey sobre patíns, o fútbol-sala, o baloncesto, o atletismo, o remo e a esgrima, así como as e os coruñeses que foron “olímpicas/os”. A ruta comezará no busto de Arsenio Iglesias do paseo de Riazor e transitará polos exteriores e interiores do Estadio municipal Abanca Riazor e o Pazo Municipal de Deportes, onde está instalada a exposición “50 anos do Pazo Municipal”.

Paseo Maritimo da Coruña / foto Zarateman CCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...