fbpx
O director Francisco Cerdeira en 1933 (Fot. Campos, 2010)

Francisco Cerdeira, o esquencido compositor da época dourada das bandas de música galegas

Tempo de lectura: 6 min.

Francisco Cerdeira Gil, nado en Cerdedo en abril de 1884, foi o músico máis relevante dos que agromaron no fecundo alcouve cerdedés. O cronista Rodríguez Fraiz (Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez, 1982) asígnalle unha chea de ocupacións: trompetista, director de banda de música, zapateiro, carpinteiro… O escrutinio da prensa histórica permitiunos adxudicarlle aínda outros empregos: multinstrumentista, mineiro, cobrador de dereitos de autor, xuíz municipal…

O xenio músical víñalle de familia, pois Francisco era fillo do trompetista e fliscornista Salvador Cerdeira (n. en 1857) e neto de Manuel Cerdeira o Vello (n. c. 1830) quen, segundo o coetáneo escritor Santiago Gómez Tato, foi o mellor gaiteiro de Terra de Montes: De ser tocando la gaita el gaitero máis conocido y mejor que había en todos aquellos alrededores donde a su vez había muchos y bastantes que jactábanse de ser igualmente maestros. No obstante, Cerdeira era insustituible y el obligado en toda romería de importancia (Correo de Galicia, Bos Aires, 14-10-1923).

Francisco Cerdeira avezouse na dirección bandística da man do tamén director cerdedés Constantino Paz, un dos seus mestres. Francisco Cerdeira casou en primeiras nupcias con Filomena García Leiro, irmá do párroco Fernando García Leiro (†1936). Tras enviuvar (1947), Cerdeira contraería matrimonio con Dorinda Biéitez Cardesín, unha fermosa forcareiesa moito máis nova ca el e que, segundo testemuños orais, converteríase na musa das súas composicións.

Do libro As bandas de música de Cerdedo (2010) de Manuel Campos, extraemos as seguintes pasaxes: Cerdeira … tamén traballou cobrando os dereitos para a Sociedad de Autores nas festas … Musicalmente falando, Francisco era un home brillante. O seu talento serviulle para compoñer algunha que outra pequena peza para ser interpretada pola súa banda. Por desgraza, daquelas composicións non se conserva partitura ningunha, apenas a lembranza dos informantes que Campos entrevistou para a elaboración do seu estudo.

Cinco bandas en Cerdedo

En Cerdedo, durante as primeiras décadas do século XX, existiron e mesmo coexistiron cinco bandas de música: a Banda de Campio Garcia (até 1905), a Banda de Constantino Paz (dende 1895-1905 até 1922), a de Ramón Lavandeira (a Banda de Cavenca, dende 1908-11 até 1922), a de Manuel García (dende 1922 até 1934) e a Banda de Francisco Cerdeira (dende 1910 até 1936, nunha primeira época).

Na prensa daqueles anos atopamos referencias (poucas) á actividade musical da Banda de Cerdeira: en setembro de 1914 os seus músicos amenizaron, a canda o gaiteiro de Cambeiro[?], as festas de Bugarín (Castro) na honra da Virxe da Saleta (Progreso, 13-9-1914); en febreiro de 1915 tocaron en Cerdedo co gallo da celebración do Ecce Homo e As Dores (Progreso, 7 e 11-2-1915); en 1917 acompañaron a manifestación agrarista do 1º de Maio en Cerdedo, a canda a Banda de Constantino Paz (Progreso, 3-5-1917); en 1931 afervoaron o republicanismo durante a celebración en Deán (Figueiroa) do 1º de Maio, interpretando o “Himno de Riego” e “A Marsellesa” (El Pueblo Gallego, 7-5-1931); en agosto de 1934 participaron nas festas do San Roque e o Santo Antonio en Carballedo (Cotobade), cadrando cos Gaiteiros de Soutelo e cos Campanos de Almofrei (El Pueblo Gallego, 25-8-1934)…

Da esculca no papel vello, tamén obtivemos os seguintes retallos que veñen completar o retrato deste persoeiro esquecido:

O 16 de xaneiro de 1912, Francisco Cerdeira presentou no Negociado de Fomento do Goberno Civil de Pontevedra a solicitude de explotación de 16 hectáreas da mina de estaño “La Aurora”, sita no monte das Galladas, na parroquia lalinesa de Zobra (Progreso, 17-1-1912). En Progreso (23-1-1912), Cerdeira figura como propietario da devandita concesión mineira. O 16 de xullo de 1912, o gobernador civil concedeulle a licenza de explotación do mineral (Progreso, 17-7-1912).

Por El Compostelano (1-9-1927) sabemos que Francisco Cerdeira fora nomeado pola Audiencia Territorial da Coruña xuíz municipal suplente en Cerdedo.

Ortega y Gasset

El Pueblo Gallego do 9 de outubro de 1929 informa que Eduardo Ortega y Gasset –irmán do filósofo– entrevistárase en Cerdedo con Francisco Cerdeira co obxecto de mercarlle a mina “Progresiva”, localizada na parroquia de Zobra. As negociacións non remataron en acordo, xa que, oito meses despois, El Pueblo Gallego (5-6-1930) publicaba que deran comezo en Zobra os traballos nas minas de estaño “La Progresiva”, propiedade de Francisco Cerdeira.

En novembro de 1934, a Administración de Rendas Públicas (Facenda) reclamoulle a Cerdeira 234 pesetas (El Pueblo Gallego, 22-11-1934). En xuño de 1935, Facenda volve apremalo co pago de canon de minas que tiña en descuberto (El Emigrado, 7-6-1935).

En Cerdedo, durante a República, desaparecidas as bandas de Constantino Paz e de Ramón Lavandeira, os músicos e os afeccionados aliñáronse xa coa banda do mestre Francisco Cerdeira Gil, xa coa banda do mestre Manuel García Beiro (1900-1964), atendendo á ideoloxía que profesaban os seus directores. Cerdeira foi un destacado dereitista (causa 1.306/36 contra Pancho Varela) e García un conspicuo esquerdista (dirixente local do PRRS en 1931; despois IR).

Francisco Cerdeira, director dunha das bandas de Cerdedo e neto do gaiteiro Cerdeira o Vello / Capitán Gosende

II República

No ano 1931, pouco despois de proclamada a II República, creouse a “Asociación Nacional de Directores de Banda”. Froito da sinerxía, en decembro de 1932 xurdirá o “Cuerpo Nacional de Directores de Bandas de Música Civiles” (Lei do 20 de decembro de 1932). O seu “Reglamento” publicarase en 1934 e, en 1935, o “Escalafón”.

Francisco Cerdeira solicitoulle á alcaldía de Cerdedo a expedición dun documento que certificase a súa condición de director da banda de música municipal. Isto non era certo, Francisco Cerdeira, como Manuel García eran directores de senllas bandas de música “particulares”, porén o papel timbrado éralles imprescindíbel para ingresar no recén creado “Cuerpo Nacional de Directores de Bandas de Música Civiles”. Cerdeira fíxose coa dita certificación e García non, polo que, véndose agraviado, denunciou a irregularidade no xulgado da Estrada. No arquivo do colectivo Capitán Gosende conservamos uns documentos privados nos que o alcalde republicano Antonio Sueiro Cadavide (PRRS-PRRSI-IR) nega toda implicación na fraude, aseverando que xamais lle asinara tal certificado a Cerdeira. Durante o Bienio Negro, no cal Cerdedo quedou nas mans dunha Xestora dereitista e caciquil, perpetrouse a desaparición dos libros de actas do Concello correspondentes ao período 1931-1933. Buscábase borrar da historia cerdedesa a paréntese edificante do Bienio Progresista? Este feito corrobora que alguén actuou de costas ao alcalde Sueiro.

De calquera xeito, en xuño de 1935, o xuíz da Estrada Fermín Bouza Brey imputoulles ao exalcalde e ao músico o delito de falsidade en documento público, culpando a Sueiro de lexitimar coa súa sinatura a categoría de director de banda municipal na persoa de Francisco Cerdeira. Bouza Brey esixiulles a Sueiro e a Cerdeira cadansúas 3.000 pesetas de fianza. Mesmo así, en decembro dese mesmo ano, no xornal El Compostelano (19-12-1935) publicábase a escala do Corpo de Directores de Bandas de Música e nela, Francisco Cerdeira Gil, director da Banda de Cerdedo, aparecía consignado na clase sexta, co número 77.

Un ano despois, o 14 de xullo de 1936, tres días antes de que acontecese o golpe de Estado fascista, iniciábase no xulgado da Estrada o xuízo contra Antonio Sueiro Cadavide e mais Francisco Cerdeira Gil. A fiscalía plantexou a acusación nos seguintes termos: Antonio Sueiro Cadavid, el 27 de junio de 1933, a sabiendas de la falsedad que cometía, expidió una certificación haciendo constar que el otro procesado, Francisco Cerdeira, era director de la banda de música municipal, no existiendo tal banda municipal; utilizando luego tal certificación para lograr el ingreso en la Asociación Nacional de Directores de Bandas Civiles de Música. O fiscal acabou solicitando a suspensión da vista pola ausencia dalgunhas testemuñas de relevancia. O avogado cerdedés Ánxel Campos Varela ocupouse da defensa dos acusados (El Pueblo Gallego, 15-7-1936).

Inhabilitación

O contencioso provocou a inhabilitación de Antonio Sueiro Cadavide como alcalde. A súa incapacitación afastouno da primeira liña da política e, probabelmente, evitou que fose vítima mortal da represión obrada en Cerdedo polos fascistas sublevados.

Tres meses despois, o xornal Progreso (15-10-1936) levaba ás súas páxinas que Antonio Sueiro e Francisco Cerdeira foran absoltos dos cargos, ya que no pudo probarse el delito debido a la desaparición de los libros de actas del ayuntamiento de Cerdedo en que se hacía figurar el acuerdo que se tacha de falso.

Aínda en outubro, no xornal El Diario de Pontevedra (22-10-1936) consta que Cerdeira, coherente coa súa ideoloxía, constribuíra con 15 pesetas en prol do exército franquista.

O 15 de xuño de 1939, El Pueblo Gallego publicou que Francisco Cerdeira interpuxera un recurso ante o Tribunal Provincial do Contencioso contra o acordo da corporación de Cerdedo (17 de abril de 1939) polo cal se desestimaba a solicitude do recorrente, quen reclamaba que se lle recoñecesen os dereitos como director da banda de música municipal de Cerdedo e que se lle aboase o que lle correspondía por tal concepto. En 1952, Cerdeira faríase cargo da dirección da banda de música de Cuntis.

O músico Francisco Cerdeira morreu o 10 de abril de 1957, con case 73 anos de idade. Dorinda Biéitez, a súa muller, non foi quen de asimilar a perda e desvariou de vez. Segundo testemuños orais, a muller adoito acudía ao cemiterio parroquial e deitábase enriba da lousa da sepultura, conversando cos despoxos de quen fora o seu home.

A tumba de Francisco Cerdeira Gil, un dos grandes directores musicais que deu Cerdedo, sitúase perto da entrada do camposanto. A lápida carece de inscrición. Non hai rúa nin beco na localidade que lembre o seu nome. Cerdedo en estado puro.

Pode que che interese...