fbpx
O músico Manuel García Beiro / remitida

Manuel García Beiro, de músico republicano a xornalista e delegado sindical no franquismo

Tempo de lectura: 7 min.

Elegante, carismático, autodidacta, director de banda, multinstrumentista, cantante, alfaiate, escribente municipal, axente de seguros, hostaleiro, xornalista, sindicalista, fotógrafo afeccionado e político republicano.

Manuel García Beiro naceu en Cerdedo o 12 de novembro de 1900. Como alumno avantaxado do director de banda Constantino Paz, especializouse no tanxer do requinto e do bombardino. Amais de músico dotado para o canto, Manuel García Beiro exerceu en Cerdedo de alfaiate e rexentou o establecemento “Café-Bar”, sito á beira da estrada xeral, de face á igrexa parroquial. Cando Constantino Paz colgou a batuta (1922), García Beiro tomou o relevo, póndose á fronte da agrupación bandística por aclamación dos seus compoñentes. A banda de Manuel García aproveitaba o local do “Café-Bar” para ensaiar o seu repertorio, trabando estreita competencia coa dirixida (dende 1910) por Francisco Cerdeira Gil. A rivalidade García-Cerdeira substanciouse no musical, mais tamén no ideolóxico: García era un home de esquerdas e Cerdeira, un representante da vella dereita.

Na prensa histórica, a primeira referencia sobre García Beiro atopámola no xornal bonaerense Correo de Galicia do 21 de abril de 1929. O periódico da quinta provincia informa que a “Banda Popular”, dirixida por García Beiro, amenizara os actos de inauguración do novo campo da feira de Cerdedo. O mercado abandonaba os afastados predios de San Xoán, para se instalar, na capital, nas inmediacións da igrexa.

El Pueblo Gallego do 14 de xaneiro de 1930, baixo o epígrafe “Cerdedo. Una boda”, publica que García Beiro asiste ao casamento do seu íntimo Francisco Varela Garrido con Teresa Sanmartín Lois, asinando como testemuña na acta matrimonial. Un ano despois, xa instaurada a II República, sabemos polo mesmo xornal (30-5-1931) que Manuel García Beiro integraba a agrupación local do Partido Republicano Radical Socialista, sendo elixido, a canda Francisco Varela Garrido, candidatos a fiscal e xuíz (respec.) da xustiza municipal.

A República

Manuel García Beiro, home culto e de ideas avanzadas, comprometeuse coa implantación en Cerdedo do novo ideario republicano. Como se explica no libro ‘Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo’ (2016), nas municipais do 12 de abril de 1931 o electorado cerdedés non acudiu a votar. O proceso electoral deu comezo o 5 de abril coa constitución da Xunta municipal do Censo, a proclamación de candidaturas e a aplicación do artigo 29 da Lei Electoral de 1907, xa que, segundo a lexislación, nas localidades nas que só se presentase unha candidatura, esta sería proclamada electa sen necesidade de que o pobo o referendase nas urnas. A candidatura proclamada en Cerdedo compúñase de once concelleiros da coalición agrario-republicana e dous monárquicos.

Co obxectivo de “republicanizar” os concellos rurais, expurgando das corporacións a rémora monárquica e caciquil, Miguel Maura, ministro da Gobernación, adoptou as medidas oportunas (Decreto de 13 de maio de 1931). O 31 de maio de 1931, repetiríanse en Cerdedo as eleccións municipais. O 24 de maio, constituíuse de novo a Xunta municipal do Censo. Desta, os trece candidatos presentados polo Partido Republicano Radical Socialista foron proclamados polo artigo 29 e, xa que logo, tampouco houbo necesidade de acudir ás urnas. Os radicalsocialistas, liderados por Antonio Sueiro Cadavide, faranse coa alcaldía de Cerdedo. Os inapelábeis resultados colleitados polo PRRS nas eleccións municipais do 31 de maio de 1931, malia as manobras do caciquismo, propiciaron o cambio de rumbo no goberno cerdedés.

En El Pueblo Gallego do venres 12 de xuño de 1931, atopamos a nova do nomeamento de Antonio Sueiro Cadavide como alcalde de Cerdedo e dos máis cargos do seu equipo de goberno: Cerdedo. De elecciones.- Se celebraron en este ayuntamiento para concejales, habiendo sido elegidos los trece candidatos que presentó el Centro Republicano Radical Socialista, tomando posesión de la forma siguiente: alcalde, don Antonio Sueiro Cadavid; primer teniente de alcalde, don Luciano García Ventín; segundo, don Manuel Gamallo Bugallo; tercero, don Silvestre Mariño Armada, y síndico, don Francisco Viéitez Viéitez. Para la Justicia municipal también fueron designados cuatro representantes del Centro anteriormente dicho. Entre os catro aludidos, figuraban Francisco Varela Garrido (xuíz municipal) e Manuel García Beiro (fiscal). Manuel García atinxirá o cargo de secretario (escribente) na nova corporación.

O 14 de abril de 1932, primeiro aniversario da proclamación da II República, a banda de música de García e a de Cerdeira percorreron as rúas de Cerdedo, esparexendo coma nabiña fusas e corcheas. Á luz do publicado por el El Pueblo Gallego (20-4-1932), intuímos que só a banda de García desfilou tras a bandeira tricolor, nunha procesión cívica protagonizada polo alumnado e profesorado das escolas cerdedesas. Tempos aqueles!

En 1934, tras a chamada Revolución de Outubro (ou folga xeral revolucionaria), a corporación cerdedesa de esquerdas, presidida por Antonio Sueiro Cadavide, é desmantelada polo Goberno Civil. Antonio Sueiro, Francisco Varela Garrido e Xosé Torres Paz (entre outros) son detidos pola Garda Civil, trasladados á prisión de Pontevedra (no sitio do actual edificio da Audiencia Provincial), procesados e, finalmente, encarcerados. Imputóuselles promover un movemento subversivo en Cerdedo, montar unha barricada na estrada de Ourense (km 624), nas inmediacións de Pedre, e seren instigadores dunha suposta tentativa de asalto ao cuartel da Garda Civil. O alcalde Antonio Sueiro tamén sería acusado de negarse a publicar o bando declarando o estado de guerra. Após a lectura atenta do proceso, dexérgase que a dereita local aproveitou a excepcionalidade para, magnificando o acontecido, chimpar a esquerda do poder (en Así aprenderán a non ter ideas…, páxs. 256-7).
Unha Comisión Xestora, integrada polos prebostes do caciquismo, volve coller as rendas de Cerdedo e aplica sen demora a substitución de cargos.

O 27 de xuño de 1933, Francisco Cerdeira obtiña, supostamente, da alcaldía o certificado de director da banda municipal. Á vista dos acontecementos políticos e desgustado polo agravio comparativo, Manuel García Beiro abandona Cerdedo a finais do ano 1934 e avecíñase na Cañiza, ocupando o cargo de primeiro oficial (escribente) naquel municipio.

Banda de Música de Santiago nos anos 60 / Consorcio de Santiago

Marcha para A Cañiza

Dous anos despois, na edición do 16 de outubro de 1935 de El Pueblo Gallego, lemos que, de véspera, se presentara ao público a Banda de Música da Cañiza, dirixida polo cerdedés Manuel García Beiro. A nova agrupación bandística coñecerase co nome de Aurora Cañicense. Na prensa, as mencións aos méritos e ás actuacións da agrupación son frecuentes dende 1948 até 1954 (El Pueblo Gallego).

Malia a distancia, Manuel García non esquece Cerdedo nin as amizades cerdedesas. Coa vitoria da Fronte Popular nas eleccións xerais de febreiro de 1936, García remítelle o día 21 de febreiro unha carta ao seu camarada Francisco Varela Garrido: Amigo Varela: Salud y República roja. Esperaba tener noticias del resultado de Cerdedo por el periódico, pero como nada dice, por eso resuelvo escribirte estas letras para que me cuentes algo de los resultados obtenidos en las elecciones del domingo (día 16). Supongo que cuando recibas ésta ya estará posesionado el Bloque en el Ayuntamiento, y a mí se me ocurre el decirte que no sea lo de la otra vez; sin escrúpulos de ninguna clase debéis desposeer a toda esa canalla de los privilegios de que siempre gozaron, pues habiendo en nuestro compo individuos aptos y necesitados, es un deber el que se tengan en cuenta.

O papel activo desenvolvido polo carismático Manuel García na corporación republicana de Cerdedo colocouno no punto de mira dos falanxistas locais, que, após o golpe de Estado de xullo de 1936, mesmo maquinaron desprazarse á Cañiza para liquidalo. O tamén músico e camarada David Paz Cachafeiro, fillo do director de banda Constantino Paz, arrostrou o perigo e plantouse na Cañiza para advertir o seu amigo das intencións da canalla fascista. Manuel García salvou a vida, mais, ter a morte aos ollos, fixo que modulase (ou disimulase) as súas conviccións ideolóxicas.

No ano 1951, García Beiro figura como delegado sindical comarcal e correspondente da Obra Sindical “Previsión Social”. O correspondente de El Pueblo Gallego (3-3-1951) gaba o labor do cerdedés, co gallo da entrega na Cañiza de “más de 575.000 pesetas a los ancianos del municipio”: Nuestra enhorabuena … por la fructífera labor que viene realizando, digna del mayor encomio, y que continúe prodigando esta clase de ayuda a quienes tanto la necesitan y que con tanto agradecimiento recogen.
Pola Hoja Oficial del Lunes (6-8-1956), sabemos que Manuel García Beiro era axente para A Cañiza dos Seguros Galicia. Amais da representación da aseguradora e o emprego de oficial do concello, Manuel e a súa dona Umbelina Villafines González rexentaron unha pensión, sita nas inmediacións da casa consistorial.

No vespertino La Noche (3-1-1959), lemos a nova do casamento na Cañiza de María García Villafines, filla de Manuel e de Umbelina, co avogado Carlos Camba Souto. O banquete celebrouse nos salóns do Hotel Reveca, referente da hostalaría na comarca.

Corresponsal xornalístico

O 4 de xuño de 1959, Manuel García Beiro, en calidade de sindicalista e correspondente na Cañiza do xornal El Pueblo Gallego (c. 1955), advirte as comisións de festas dos concellos da Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente que, a partir desa data, todo grupo musical, de cualquier naturaleza, está sujeto a suscribir el correspondiente contrato laboral, con los salarios base que se indican a continuación…

En El Pueblo Gallego do 6 decembro de 1960, García Beiro informa que os afeccionados ao balompé puideron seguir por televisión, nas dependencias do Hotel Reveca, as incidencias do partido de Copa de Europa que enfrontou os húngaros do Újpest e os portugueses do Benfica: Todos cuantos nos han visitado se marcharon entusiasmados y envidiando el privilegio que La Cañiza tiene al gozar de tan extrordinario avance científico.

Enfermo de cancro, Manuel García Beiro falece en 1964, aos 63 anos de idade. Cumpríndose o primeiro cabodano da súa morte, El Pueblo Gallego (23-3-1965) lembra a figura do que fora oficial maior do concello da Cañiza e o seu correspondente informativo: Todavía está patente el cariño en que se le tenía por sus excelentes dotes personales, que le hacían granjearse la simpatía y admiración de cuantos le trataban.

Elegante, carismático, autodidacta, director de banda, multinstrumentista, cantante, alfaiate, escribente municipal, axente de seguros, hostaleiro, xornalista, sindicalista, fotógrafo afeccionado e político republicano. O polifacético Manuel García Beiro, a canda Antonio Sueiro Cadavide, Francisco Varela Garrido, Xosé Otero Espasandín, Xosé Torres Paz, Martiño Ferreiro Álvarez, Xosé Paz Cachafeiro…, son exemplos do Cerdedo ilustrado, progresista, emprendedor e vital dos anos 30. Os fascistas de Cerdedo asasináronos ou obrigáronos a calar ou a exiliarse. O seu baleiro foi enchido de políticos retrógrados, fatuos e incapaces, que disimularon a súa mediocridade con autoritarismo. Xaora, o desaparecido concello de Cerdedo comezou a esvaerse en xullo de 1936.

Pode que che interese...