fbpx
Pintura do ataque do pirata Francis Drake nas costas de Cádiz / Francisco Jiménez

O ataque de Drake á Coruña… que é lenda e que é realidade?

Tempo de lectura: 2 min.

O 28 de abril de 1589 máis de 180 barcos e 27.667 homes parten do porto de Plymouth, no sur de Inglaterra. Están conmandados por Francis Drake e John Norris. Era a resposta da raíña inglesa á Gran Armada de Felipe II.

Esa gran armada inglesa atacou A Coruña a comezos de maio. A feroz resistencia dos cidadáns da vila, entre elas de María Pita ou Inés de Ben, obrigan aos ingleses a retroceder. Finalmente, tras varios días de incursións, e ante a noticia da chegada de reforzos terrestres, as tropas inglesas abandonaron a pretensión de tomar a cidade e retiráronse para reembarcar o 18 de maio, deixando tras de si uns 1.000 mortos galegos, e perdendo pola súa banda uns 1.300 homes, ademais de entre dous e tres buques e catro barcazas de desembarco, todos eles afundidos polos canóns do forte de San Antón.

Iso é o que está constatado nos anais da época. O resto son lendas e mitos que chegaron aos nosos días e que falan de que nas augas da Coruña están os barcos da armada de Drake. Precisamente, nun proxecto realizado pola firma xa extinta Archeoatlántica proponse medidas correctoras e protectoras no proxecto de dragado da Ría do Burgo e entre elas sinálase que se debe ter especial coidado cun posible pecio de Drake da frota de 1589.

O barco que a lenda di que é de Drake

O informe incluído no proxecto do dragado indica que hai referencias orais de mariscadores da zona que sitúan un pecio na barra de Santa Cristina, “que tradicionalmente se identificou como pertencente á frota de Drake”. O informe di que os traballos submarinos e dragados documentaron “restos de vaixelas e balas de canón de ferro pertencentes a esta frota”. O documento recolle a imaxe aérea realizada entre o 2003 e o 2015 que mostra unha “mancha que permanece inalterada co paso dos anos e que podería pertencer aos restos dun pecio”.

A Coruña nun grabado do século XVII

Críticas

Pero este informe non conta co beneplácito de Miguel San Claudio Santa Cruz, un dos referentes en arqueoloxía subacuática. “Concluír que iso é un barco de Francis Drake e mesmo un barco é moi ousado. Non hai ningunha evidencia de que alí haxa algo máis alá dunha fotografía aérea e da tradición oral”, apunta en declaracións a La Voz de Galicia.

“Coñezo ben a zona, pero nunca vin nada, persoalmente. Si me dixeron algunhas persoas que viron algo, pero non podo afirmar que sexa así. O que hai que facer é un traballo serio e profesional que permita comprobar se hai algo”, engade. Destaca que a zona onde se sitúa ese suposto barco é de gran movemento de area, polo que “por boa lóxica as cousas máis antigas deberían estar enterradas”, se é que houbera naves alí. Máis en La Voz de Galicia.

Pode que che interese...