fbpx
Láminas de ouro aparecidas sobre a fronte e gorxa dunha das aristócratas suevas /Consorcio Ciudad Monumental de Mérida

Os misterios das princesas suevas… Atopan pendentes, colgantes e aneis do Mar Negro

Tempo de lectura: 2 min.

O primeiro reino de Europa é aínda tan descoñecido que todo o que se atopa sobre el abre novas vías de investigación. Así acaba de acontecer en Mérida, onde un conxunto de tumbas acaba de dar máis luz sobre este pobo cuxas xoias aparecen en contextos funerarios de Ucraína, Hungría, Rumania, Rusia ou Polonia.

‘Novidades na necrópole tardorromana de Mérida: as princesas bárbaras’ é un artigo dos arqueólogos Francisco Javier Heras Mora e Ana Belén Olmedo Gracera, onde fan públicos os resultados das súas investigacións nunha necrópole escavada en Mérida que puido pertencer a un grupo de suevos que acompañaba ao líder Heremigario quen, no ano 429 saqueou e conquistou a urbe dando lugar a unha nova clase dirixente, chegada de Europa oriental, que se manterá no poder, polo menos, unha década e que enterraba aos seus mortos nos suburbios do norte da cidade.

Corpo dunha das princesas suevas exhumada en Mérida / Consorcio Ciudad Monumental de Mérida

As sepulturas atopadas son sinxelas: fosas oblongas de ángulos redondeados e, nuns poucos casos, con caixas e cravos de ferro que demostran a existencia de desaparecidos cadaleitos de madeira. E entre todas as tumbas, achouse “un grupo de enterramentos que escapan ao habitual polos obxectos que visten os corpos ou os acompañan”. Trátase dos restos de nove mozas que foron inhumadas con fíbulas, pequenos broches, pendentes, colgantes, colares, aneis, láminas repuxadas, unha xerra cerámica e unha copa de vidro, “o que diferencia a este grupo do resto”.

Orixe

En concreto, un dos corpos loce “fíbulas prateadas” (blechfibeln, en terminoloxía xermana), cuxa orixe provén do ámbito xeográfico do mar Negro e, en último termo, da chamada cultura de Cernajahov. “É, sen dúbida, un dos máis destacados expoñentes da vestimenta feminina e aristocrática propio desas poboacións que, desde comezos do século V, protagonizaron as grandes migracións europeas”, recollen os investigadores.

Xoias atopadas nos restos da tumba dunha princesa sueva desenterrada en Mérida / Consorcio Ciudad Monumental de Mérida

As contas de ouro tubulares exhumadas son oriúndas do ámbito de Crimea e do mar Negro. “As dez pequenas láminas de ouro en forma lanceolada, rematadas en filigrana e con incrustación de granate, aparecidas son parte da vestimenta aristocrática. Son moi parecidas ás que se gardan no Museo de Cracovia”, lese no artigo. En cambio, outra das mozas exhumadas portaba fíbulas prateadas sobre os ombreiros e láminas de ouro repuxado “cadradas, triangulares, circulares ou en dobre espiral”, o que leva aos arqueólogos a referirse a contextos funerarios de Ucraína, Hungría, Rumania, Rusia ou Polonia. Toda a reportaxe en El País.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: