fbpx
Igrexa de San Xulián de Ferrol / foto Turismo de Ferrol

Podería ser Ferrol o primeiro destino ilustrado de España?

Tempo de lectura: 3 min.

Converter Ferrol no primeiro destino ilustrado de España. Este é o obxectivo que o Concello quere impulsar co proxecto ‘Rede de Espazos Ilustrados de Ferrol’. Trátase dun proxecto para pór en valor os “recursos inmateriais do Ferrol Ilustrado recuperando e enchendo á cidade do estilo de vida da época”.

O proxecto foi presentado o pasado día 15 pola concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, e contará cunha subvención de preto 14.000 euros que o Concello outorgou ó Centro de Iniciativas Turísticas, Económicas e Sociais de Ferrol (Cites) no marco do programa municipal ‘Ferrol Cidade Viva’.

Presentación do proxecto / foto Concello de Ferrol

Encher a cidade de recunchos que apelen á época da Ilustración

Nel participarán varios establecementos da cidade entre comercio, hostalería e hoteis. Entre eles o  Parador de Turismo, o Hotel Real e o Hostal Zahara, que contarán entre os seus muros cun recuncho ilustrado. Tamén se participará dende a Oficina Municipal de Turismo así como varios museos e centros de arte referentes do Ferrol Ilustrado.

Ferrol Ilustrado / foto citesferrol.gal

Ademais destes recunchos ilustrados os restaurantes A Maruxaina, o Zahara e a Taberna Kraken ofrecerán o seu propio viño e aperitivo ilustrado. No Moncloa será posible gozar dun almorzo ilustrado e na Pastelería París poderase adquirir un doce típico do Ferrol do século das luces. No comercio, polo de agora participan a Casa dos Regalos e Fan, que obsequiarán cun camafeo ilustrado.

Tamén o proxecto inclúe dous recunchos ilustrados en pleno centro da cidade, nos escaparates dos locais da rúa Real, 122 e Carmen, 28, que amosan vinilos para que os veciños se fagan selfies que poden compartir nas redes baixo o hashtag #ferroldestinoilustrado. Ademais todos os establecementos participantes amosan un adhesivo co logo do proxecto e, en realidade aumentada, dúas figuras da época invitarán a entrar no mundo das luces.

Unha nova aposta na candidatura polo Patrimonio Mundial

Ferrol Ilustrado / foto citesferrol.gal

E é que se trata de converter Ferrol no primeiro destino ilustrado, máis tamén que o Concello logre tamén, a través do proxecto, “mellorar e reforzar a nosa candidatura ‘Ferrol, Porto da Ilustración’ a Patrimonio Mundial, que nos últimos anos se está a tratar de desenvolver dende o goberno local.

 Trátase dunha iniciativa que está nunha liña especialmente valorada pola UNESCO, que lle concede unha gran importancia ós proxectos á implicación cidadá. Pois dende hai tempo estase a valorar aínda máis a posta en marcha de accións como esta, destinada á divulgación do patrimonio incluído na candidatura coa implicación da cidadanía.

Ferrol, rúa María 136, no barrio da Magdalena / foto OilisabCCBy WIkimedia


Para saber máis: Pode consultarse o tríptico do proxecto neste link.


Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...