fbpx
Penedos de Traba / foto turismo.gal

Proxectan un parque eólico literalmente enriba dos Penedos de Traba

Tempo de lectura: 4 min.

“Admirados miradoiros son os catro cumes que rodean o val do Traba, aberto ó océano nun extenso areal con lagoa costeira incluída. Dende a praia, eles mesmos son unha das vistas panorámicas máis espectaculares da Costa da Morte. (…) Os penedos proclaman o seu nome, segundo a forma ou a lenda con que a tradición os bautizou. A Pena dos Mouros, Pena Forcada, O Castelo e a Torre da Moa son os nomes dos catro picos que delimitan o espazo”.

Esta é a descrición que Turismo de Galicia fai dunha das Paisaxes Protexidas máis excepcionais de Galicia, Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, no corazón da Costa da Morte. Mais este monumento natural súmase á nómina de lugares en serio perigo de desaparecer pola instalación de dous parques eólicos con ata 16 aeroxeradores que acadarían ata 127 m de altura.

Parques eólicos ó redor do val de Traba. en laranxa os parques sobre os Penedos de Traba / foto Asociación Ambiental Contramínate

Trátase dun dos lugares máis espectaculares da Costa da Morte (LIC), no corazón paisaxístico da zona, sobre o Camiño dos Faros, rodeando o val de Traba, e moi preto da praia e lagoa que constitúen un dos mellores ecosistemas dunares de Galicia. Tamén depositarios de lendas.

Trátase dunha espectacular formación de penedos graníticos esculpidos pola meteorización, xerando ecocativas formas. Os Penedos foron declarados no ano 2009, a partir dunha polémica polo intento de instalar unha canteira sobre eles.

Ó pé de Zonas de Especial Conservación e de Protección de Aves

Hoxe a ameaza son dous proxectos eólicos, o do Monte Chan e o da Pena dos Mouros. O primeiro, na zona sur do val, contempla a instalación de 9 aeroxeneradores que acadarían unha potencia global de 46,2MW. O segundo tería 7 turbinas máis, cun total de 35 MW de potencia. Ambos estarían entre os concellos de Laxe e Vimianzo e, xunto co chamado Pena Forcada de Soesto, rodearían por completo o excepcional val de Traba.

Penedos de Traba / foto Turismo de Laxe

Os propios nomes dos parques indican xa a propia situación nos montes nos que se atopan os penedos. De feito, tal e como comprobou o colectivo Petón do Lobo, algún dos aeroxeradores estaría literalmente no interior da Paisaxe Protexida. Os demais ocuparían o conxunto das serras impactando no lugar e no ecosistema da paisaxe Paisaxe Protexida.

E é que ademais os proxectos poderían afectar tamén á Zona de Especial protección dos Valores Naturais (ZPVN), Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial protección de Aves (ZEPA) “Costa da Morte”. Ademais, segundo os datos publicados por Proxecto Rebinxe, a zona afectada estaría incluída dentro da Ampliación da Rede Natura 2.000, que quedou conxelada dende o ano 2011.

Pasarela de Traba / foto acostadamorte.info

Ó abeiro da polémica Lei de Depredación

E é que, tal e como destacaba o xornal Que pasa na Costa, estes parques veñen a sumarse a un enorme conxunto de proxectos eólicos que están a mudar de xeito radical os recursos naturais e paisaxísticos da Costa da Morte. Moitos deles de foron recuperados pola Xunta durante o confinamento, xa que que foran suspendidos no ano 2010 por falta de garantías medioambientais. Agora estaríanse a resucitar ó amparo da chamada Lei de Depredación.

É por isto que varios colectivos están xa a dar a voz de alarma polo proxecto. Ademais de Petón do Lobo a Asociación Ambiental Contramínate é o que está a ter un papel máis activo ante o proxecto. Tamén a veciñanza de Laxe que está a participar dende as redes sociais na Manifestación Fotográfica Aldeas con Horizonte promovida polo Colectivo Rede Galega por un Rural Vivo.

E é que neste caso trátase non só un lugar natural e xeolóxico únicos, senón tamén e sobre todo das paisaxes máis excepcionais da costa da Morte. Un lugar que a propia tradición encheu de lendas e que é un excepcional recurso turístico da zona. Como apuntan os colectivos os dous proxectos irían en contra do decreto 294/2008, do 11 de decembro, como da propia Lei 5/2019, do patrimonio natural de Galicia.

Penedos de Traba / foto turismo.gal


Para saber máis: poden consultarse as páxinas das asociacións Petón de Lobo, Rede Galega Rural Vivo, Asociación Ambiental Contramínate. Sobre a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba pode consultarse a web de Turismo de Galicia, ou a do Concello de Laxe, así como o decreto 294/2008, do 11 de decembro e a Lei 5/2019, do patrimonio natural de Galicia. Tamén a resolución sobre o primeiro dos parques eólicos instalados sobre o val de Traba no pasado 2020. Sobre a declaración dos Pendeos de Traba pode consultarse o artigo do investigador Xosé María Lema Suárez en Que pasa na Costa.


Pode que che interese...