fbpx
Tombo das Viñas de Ribadavia / foto Consello da Cultura Galega

Queres coñecer un dos documentos máis antigos escritos en galego? Así é o Tombo das Viñas de Ribadavia

Tempo de lectura: 2 min.

Un rolo de pergamiño procedente do mosteiro de Melón, custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense. Este é Tombo das Viñas de Ribadavia, un conxunto que foi considerado como un dos primeiros documentos escritos conservados en galego. Trátase dun pequeno conxunto documental, de aí o nome de tombo, con textos corresponden a tres épocas distintas, o primeiro deles do século XIII.

O texto foi inicialmente datado nos anos do reinado de Afonso VIII, entre 1188 e 1230, polos estudosos que inicialmente o consignaron e editaron. Porén un estudo que publica o Consello da Cultura Galega, apunta conclusións novas sobre o documento, como a diferente cronoloxía, ou estar escrita nunha lingua cando menos híbrida.

Tombo das Viñas / foto minerva.usc.es

Así dos tres períodos do texto o de maior antigüidade sería uns vinte anos posterior á data considerada, situándoa no século XIII. Ademais, aínda que se trataba  dun momento no que era habitual a escritura en latín no contexto monástico o documento estaría escrita nunha lingua cando menos híbrida entre ambos.

Unha nova edición do Tombo por parte do Consello da Cultura Galega

Na base deste estudo o Consello da Cultura Galega acaba de presentar unha nova edición do Tombo a cargo de Luz Méndez, unha das maiores investigadoras do documento. O libro contén os tres textos do pergamiño e a maiores un análise paleográfico, diplomático, lingüístico e histórico. Tamén un estudo onomástico de nomes persoais e topónimos, un glosario léxico e índices de persoas e lugares.

Portada do libro / foto Consello da Cultura Galega

Engadíronse ademais uns anexos documentais que conteñen textos medievais en latín e galego correspondentes a procesos inquisitivos, isto é, do mesmo carácter diplomático que o texto orixinal do tombo. Por último incluíuse tamén e unha transcrición do traslado do Tombo das viñas a outro tombo do mosteiro de Melón no ano 1800.

Con esta obra o Consello da Cultura Galega quere amosar como, traballando dun xeito multidisciplinar, uns textos sen data e que nunca foran estudados en profundidade poden aportar unha información valiosa sobre si mesmos e sobre o seu tempo. O estudo permitiu extraer deles unha parte considerable da información que conteñen, bastante distinta á que se lle supoñía.

Mosteiro de Melón / foto Turismo de Galicia

Pode que che interese...