fbpx
Fonte de Altamira no Paseo de Ferradura da Alameda de Santiago, moi preto do monumento a Rosalía de Castro / foto Glocal_SainoCC0

Queres descubrir a Compostela na que viviu Rosalía de Castro?

Tempo de lectura: 3 min.

Unha excepcional viaxe pola cidade de Santiago de Compostela da man de Rosalía de Castro, a través de 22 lugares estreitamente vinculados á nosa poeta máis universal. Así é o libro “Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro”, de Mercedes Espiño, editado polo Concello de Santiago de Compostela en colaboración coa Agrupación Cultural O Galo.

Trátase dun “minucioso traballo de investigación” de 190 páxinas, que nos descobre “eses recunchos de Santiago” polos que transitou a poeta, acompañados de documentación, fotos e textos da propia escritora e de persoas vinculadas a ela. Coñecer, difundir e visibilizar esta relación de Rosalía coa cidade e o obxectivo do traballo.

Casas de Compostela / foto carmen_carbonell CC0

Pois Compostela e Rosalía de Castro cohabitaron, creando un vínculo persoal e profesional, “unha simbiose na que Santiago sae gañando. Rosalía apórtanos unha proxección literaria que canto máis tempo pasa, máis universal é”, tal e como explicou concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, na presentación, o pasado mércores, do libro.

Un roteiro rosaliano na cidade

E é que Santiago é o principal escenario na vida de Rosalía de Castro. Pois ela “nunca tivo casa de seu”, sempre viviu en vivendas de aluguer, incluída a casa da Matanza, tal e como explicaba a autora. Isto fai que sexan moitos os lugares relacionados con ela e tamén enriquecidos por ela, nunha simbiose mútua.

É por isto polo que a autora reivindica “unha Rosalía relacionada con Compostela”. E é, precisamente por isto, polo que Espiño reivindica a necesidade de crear un roteiro “rosaliano” na cidade que dende as oficinas de Turismo se puidera promocionar entre turistas e visitantes. A proposta foi aceptada e recollida por Rosón.

Monumento a Rosalía no Paseo de Ferradura / foto Concello de Santiago

22 lugares para relatar a vida da poeta en Compostela

O libro, que conta con limiar de Francisco Rodríguez, introdúcenos nun itinerario pola cidade de 22 lugares estreitamente vinculados a Rosalía de Castro, sinalados nun mapa desplegable nas páxinas interiores e documentados con textos e fotos. Estes lugares serven tamén para ir relatando o que foi a vida de Rosalía en Compostela, dun xeito documentado e obxectivo.

O libro conta cunha máis que icónica portada na que se reflicto o monumento a Rosalía de Castro visto desde a escaleira de Santa Susana. Trátase do lugar visto coa mesma perspectiva que o está observando a estatua de Federico García Lorca.

Mercedes Espiño e Mercedes Rosón na presentación do libro / foto Concello de Santiago de Compostela

Tamén conta cun apartado “Rosalía… cando e onde”, no que enumera os lugares nos que se sitúa, documentalmente, a Rosalía de Castro entre 1837 e 1885. O libro remata cunha serie de retratos da escritora, na que se inclúe a última foto da mesma, na casa da Matanza, xunto á súa familia; e coas árbores xenealóxicas da familia de Rosalía e de Manuel Murguía.

Mercedes Espiño, (Pontevedra 1956) é filóloga Galego-Portuguesa e profesora de Lingua e Literatura Galega da USC dende 1980. Foi profesora de varios institutos galegos e catedrática do IES Eduardo Pondal de Compostela. É activista da lingua, publicando innumerables artigos e libros. Tamén formulou e dirixiu paseos literarios pola cidade sobre Rosalía, as Irmandades da Fala ou Francisco Asorey.

Monumento a Rosalía no Paseo de Ferradura / foto Concello de Santiago

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: