Vídeo: Así foi un dos grandes xenios do Modernismo en Galicia | Historia de Galicia
Detalle de un edificio de Ucha / frame do vídeo

Vídeo: Así foi un dos grandes xenios do Modernismo en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Natural de Vigo pero ferrolán de adopción, Rodolfo Ucha Piñeiro (1882-1981) foi o gran arquitecto do Modernismo da cidade e un dos grandes construtores en alzado dunha cidade que aspira a ser Patrimonio Mundial. De Ucha herdamos obras coma o Teatro Jofre, a Pescaría, o Casino de Ferrol o Hotel Suizo ou un senfín de obras particulares que lle engaden ó Ferrol ilustrado ese carácter modernista que abraia ós visitantes.

Rodolfo Ucha / frame do vídeo

E é que Ucha foi un dos grandes xenios do modernismo de Galicia e o maior arquitecto deste rompedor estilo na cidade. Foi arquitecto municipal do Concello entre 1906 e 1936, arquitecto ó servizo da Mariña entre 1909 e1915 e arquitecto de Facenda entre 1919 e1952, exercendo tamén a profesión por libre. O pasado día 19 de xaneiro o Concello declarábao Fillo Adoptivo da cidade tan só 8 días antes do 40 aniversario do seu pasamento.

E é precisamente por este feito polo que o Concello decidiu estrear unha pequena peza documental sobre o arquitecto para conmemorar este aniversario. O vídeo foi estreado o pasado día 30 e pode verse a través da canle de YouTube do Concello. No vídeo, presentado polo alcalde da cidade Ángel Mato, a súa filla Lucila Ucha fai un percorrido pola vida e obras do sensacional artista, amosando facetas como a súa creatividade ou a integración das artes.

E é que, tal e como declarou Eva Martínez Montero, concelleira de Patrimonio Histórico na presentación, Ucha foi “unha gran figura da arquitectura dentro do panorama modernista galego”. Un profesional “excepcional que coñecía o acontecer mundial da súa especialidade e que superou, con abraiante brillantez, a difícil tarefa de estar ó día da súa profesión” dende Ferrol.

 

Formado na múltiple sensibilidade artística de comezos do século XX, Ucha manexaba con facilidade os estilos imperantes. Nos seus proxectos, dixo a concelleira, “resume todas as esencias do modernismo que conxugaron as trazas neoclásicas coa arquitectura da Ilustración”. As súas obras “están significativamente ligadas ó noso Ferrol mariñeiro e tamén aberto ó mundo”.

Agora, 40 anos despois do seu falecemento, e case cen anos máis do seu nacemento, Ferrol recoñece ó artista co título de fillo adoptivo por unanimidade dos grupos políticos da Xunta de Voceiros local. Trátase dun recoñecemento á súa “brillante e frutífera traxectoria profesional como arquitecto e á pegada da súa obra na nosa cidade”. Ata o 12 de marzo a cidadanía poda enviar as súas achegas ao expediente.

Un dos edificios máis famosos de Rodolfo Ucha / frame do Vídeo

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: