fbpx
Sobreira da Peneda / foto monumentalthreescom

A Sobreira da Peneda, que se salvou por pouco do lume, xa é árbore senlleira

Tempo de lectura: 2 min.

Unha impoñente sobreira (quercus suber) de preto de catro séculos de antigüidade. Esta é a nova árbore da provincia de Pontevedra en entrar no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A impoñente sobreira atópase ó pé da ermida das Neves, na cima do monte da Peneda, no límite dos concellos de Redondela e Soutomaior.

A sensacional árbore, con ó redor de catrocentos anos, chega ós dous metros de perímetro no seu tronco e acada os quince metros altura. A árbore, unha das máis espectaculares sobreiras da provincia, conservase nun lugar único ó pé da capela e nun miradoiro excepcional, con espectaculares vistas á ría de Vigo.

A sobreira foi incluída no Catálogo a petición dos comuneiros e comuneiras de montes do Viso, que levan anos pedindo a súa inclusión. Porén ata o de agora a Xunta ignorara a súa inscrición ata que, a comezos do mes de febreiro a impoñente árbore entraba, por dereito propio, nesta listaxe.

Sobreira da Peneda / foto monumentalthreescom

Unha árbore supervivente

Porén a súa imaxe sobresae por algo máis que polo seu alto porte e as súas grandes dimensións. Pois a sobreira érguese dominando o monte acompañando á silueta da capela. A sobreira destaca pola súa forma sobre o outeiro, non moi lonxe do Castelo de Soutomaior, que domina visualmente boa parte da comarca.

Pois a sobreira atópase nun lugar no que, alén doutras árbores no adro da ermida, non hai outras árbores adultas sobre a elevación e só se divisa monte baixo. Isto é pola acción dos diferentes incendios que azoutaron o lugar, primeiro na vaga de lume de 2006 e máis tarde na de 2017. Neste último o lume chegou de feito a cercar a propia ermida.

Porén a sobreira non é a única árbore senlleira desta zona. Pois moi preto dela, na anta do monte que mira ó poñente, pode verse un pequeno bosque desta mesma especie. Ademais, non moi lonxe do monte atópanse os xardíns do castelo de Soutomaior con varias árbores neste Catálogo de Senlleiras.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...