fbpx
Penedos de Traba / foto Turismo de Laxe

Así é o outro patrimonio que se perde para sempre cos eólicos

Tempo de lectura: 4 min.

Conta a lenda que o apóstolo Santiago trepou ós montes de Traba, ós Penedos, acompañado por unha humilde anciá que tivo por ben ser a única en darlle teito e comida na vila existía que no val. No alto do monte ambos os dous miraron cara abaixo vendo a cidade se ía asolagando polas augas do que hoxe é a lagoa. Dende aquelas penas escoitábase mentres se afundía o son das campás.

Esta é unha das lendas que se coñecen sobre a lagoa de Traba e que teñen como protagonista ós Penedos de Pasarela e Traba, nos que hoxe se está a proxectar un parque eólico. A toponimia, os usos, os contos, a tradicional explotación do monte, os percorridos, os camiños. Todos estes elementos poderían perderse para sempre, se non se protexen, con cada nova instalación eólica.

Montaxe sobre unha foto dos hábitats protexidos afectados / foto Petón do Lobo

Isto é o que se nos lembra dende a asociación cultural Petón do Lobo, reparando, de feito, noutro aspecto. Ningún dos parques eólicos que se están a proxectar nesta chamada avalancha eólica recollen o patrimonio inmaterial nas súas afectacións. A maioría dos parques eólicos teñen delimitado un impacto ambiental e un impacto do patrimonio, máis ningún dos proxectos recolle este outro patrimonio.

A importancia do patrimonio inmaterial

Trátase, de feito, dun patrimonio herdado dunha excepcional importancia. Inclúese os usos do terriotorio, a toponimia, microtoponimia, as lendas, e os contos asociados ós lugares. Porque o patrimonio inmaterial “achega unha riquísima información sobre o pasado: os aproveitamentos tradicionais, a fauna, a vexetación ou os acontecementos históricos”. Un importante recurso, na maioría dos casos, pouco valorado.

Penedos de Traba / foto turismo.gal

Por isto, tal e como lembra Petón do Lobo “cómpre adoptar medidas urxentes para a protección deste patrimonio inmaterial e evitar ser un pobo sen memoria”. Pois o patrimonio inmaterial é tan importante como o patrimonio, arqueolóxico, moble ou construído, e deben establecerse igual que para estes, este medidas para a súa conservación, tendo en conta á súa especial fraxilidade.

A desaparición da toponimia

Un exemplo disto é precisamente, tal e como sinalan dende a asociación, a propia toponimia e microtoponimia. “Os nomes das terras, dos arroios, das fontes, das penas… son identitarios e corren un grave risco de desaparecer”. Os usos tradicionais do monte, tal como a actividades de pastoreo, están a mudar e coa conversión cara espazos de explotación industrial. “Coa muda de toda esta realidade rural o patrimonio inmaterial está en risco”.

Montaxe do alto das neves sobre unha foto de foto Petón do Lobo

Pois “a denominación dos lugares transcende o paso do tempo”, afirman dende a asociación. “A instalación dos parques eólicos varre por completo con este patrimonio e o lugar afectado remata por coñecerse por un só nome, o nome do parque eólico ou proxecto industrial, que incluso pode ser un nome totalmente alleo ao lugar e/ou de invención propia da mercantil promotora”.

Os dereitos da cidadanía a participar nas decisións

Porén, como nomean lei en man dende a asociación, existen unha serie de dereitos fronte a avalancha eólica. Pois a cidadanía ten dereitos recoñecidos a participar na toma de decisións que afecta ó seu medio ambiente, así como, tal e como recordan, a que se cumpra a normativa que protexe o patrimonio.

Lagoa de Traba / foto turismo.laxe.gal

Esta participación materialízase tanto no período inicial de consultas dos proxectos como na fase da exposición pública dos mesmos e establecemento de alegacións. De feito “o Convenio de  Aarhus outorga ó público, particulares e asociacións que as representan, o dereito de acceder á información e participar nas decisións adoptadas en materia de medio ambiente, así como de reclamar unha compensación se non se respectan estes dereitos”.

Tal e como recollen, as directivas da UE blindarían estes dereitos, en normas como a Directiva 2003/4/CE. “Galicia sempre foi un referente no patrimonio inmaterial. Sen embargo, este patrimonio está agora en serio risco”, afirman. O patrimonio inmaterial é un patrimonio “fortemente asociado á memoria e ó cambio de usos dunha sociedade”, e agora podería desaparecer para sempre “varrido polos usos industriais”.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...