fbpx
A cruz / foto Comité pola Memoria Histórica de Celanova

Avalancha de apoios para esixir a retirada da cruz franquista do Outeiro da Obra de Celanova

Tempo de lectura: 2 min.

Mais de 1.500 sinaturas, de persoeiros da política, a cultura, a universidade, a literatura, as artes, decenas de grupos de memoria histórica de Galicia, dous ex-presidentes da RAG, como Méndez Ferrín e Alonso Montero, o ensaísta Xosé Manuel Núñez Seixas, o escritor Manuel Rivas ou o actor Luís Tosar… entre moitísimos outros. Todos eles veñen de pedirlle ó Concello de Celanova a retirada da cruz franquista do Outeiro da Obra.

E é que o Comité pola Memoria Histórica da rexión de Celanova pide ó Concello a eliminación da cruz para cumprir coa Lei da Memoria Histórica de 2007. O monumento, levantado nun terreo alto a medio quilómetro do centro da vila e visible dende boa parte dela, ten gravados o escudo oficial do bando rebelde, o emblema da Falanxe e unha lenda que di: ‘A los combatientes de la parroquia de Celanova caídos por Dios y España’.

Documento de histórico de 1936 sobre a represión en Celanova / foto Comité pola Memoria Histórica de Celanova

É por isto que os asinantes do manifesto piden “a eliminación do monumento fascista da cruz dos caídos, (…) así como a resignificación do espazo como lugar de memoria”. O Comité “acredita que o citado elemento é un símbolo de exaltación falanxista da barbarie franquista” que foi “levantada en agosto de 1939 por falanxistas” tras a represión posterior ao golpe de Estado de 1936. Nela “o mosteiro de Celanova converteuse nun dos maiores cárceres do país, e outros lugares foron escenarios de crimes que seguen impunes. A poboación viviu aterrorizada”afirman.

Ademais dende o Comité anímase “ás veciñas e veciños de toda a comarca a levantar o manto de silencio que tapa as biografías de todas aquelas persoas que desde o seu desempeño profesional, vital e político promoveron os valores republicanos antes de 1936 e que foron represaliados polos golpistas“. Tamén aconsella “que se sinalicen os lugares de memoria, especialmente as foxas, e que se traballe na procura de familiares das vítimas”.

A cruz / foto Comité pola Memoria Histórica de Celanova


Para saber máis: pode consultarse o manifesto neste link. Tamén pode consultarse todo o traballo desenvolvido polo Comité da Memoria de Celanova na súa páxina web.


 

 


Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...