fbpx
Escavación en Os Conventos, na Pobra do Brollón / Adegas da memoria

Descuberto o gran enigma da Ribeira Sacra… quen e cando comezou a cultivar viñedos?

Tempo de lectura: 2 min.

Século X, en plena alta Idade Media. Esa é a época na que o viño comezou a estenderse pola Ribeira Sacra. Así o afirmaron este mércores a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, e o director de Incipit-CSIC, Felipe Criado, na presentación dos resultados das primeiras datacións nas terrazas da Ribeira Sacra. Un achado que permite reforzar a súa orixe e evolución histórica como paisaxe vitivinícola, aínda que descarta a idea comunmente estendida de que o viño nesta zona xa se cultiva desde a época romana.

Os traballos, encargados pola Goberno galego, foron realizados polo Instituto de Ciencias del Patrimonio del Consejo Superior de Investigaciones Científicas (Incipit-CSIC) na ribeira de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón. Enmárcanse no proxecto Adegas da Memoria, promovido polo Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, coa participación do Incipit-CSIC e a Consellería de Cultura.

Segundo estas actuacións, as datacións máis antigas da mostraxe identificáronse no século X, en época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas pre-Císter. Realizáronse un total de 110 mostras recollidas e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou distancia do xacemento de Os Conventos. Tratábase de facer o mostrario o máis diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación agraria.

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, e o director de Incipit-CSIC, Felipe Criado, entre outros, presentan os resultados das escavacións arqueolóxicas en Os Conventos, na Pobra do Brollón / cedida

Dúas campañas

Ademais das datacións, segundo informan desde o Concello da Pobra do Brollón, este proxecto levou a cabo dúas campañas de escavación no xacemento de Os Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no que se localizaron restos humanos e unha lauda funeraria con inscrición. Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro dese espazo.

 Tal e como se pode concluír das datacións, da escavación de Os Conventos e da documentación, este proceso de expansión continúa ao longo dos séculos. Analizando os datos das mostras, revélase tamén que no século XIII hai unha intensificación na construción de bancais para cultivo na ribeira de Vilachá. No século XVI, volve haber outro pico de intensidade na construción de bancais, algo que demostran estes estudos, que permiten realizar unha evolución histórica destes elementos.

No acto de presentación na Casa da Cultura da Pobra do Brollón tamén participaron o alcalde Xosé Lois Maceda; o presidente da A.VV. de Vilachá de Salvadur, José Castiñeira; a edafóloga Cruz Ferro (ICArEHB da Universidade de Algarve); e o arqueólogo Xurxo Ayán (Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa).