fbpx
Xosé Ramón Barreiro Fernández / foto Igrexas Certo Xornal CCBy Wikimedia

Fina Xosé Ramón Barreiro, o gran referente da historia contemporánea de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Catedrático de Historia Contemporánea, decano da Facultade de Xeografía e Historia, presidente da Real Academia Galega entre 2001 e 2009… e, ante todo, o gran referente da investigación da Historia Contemporánea de Galicia. Xosé Ramón Barreiro finou o pasado mércores día 17 na cidade da Coruña, ós 84 anos de idade. A nova do pasamento causou un enorme pesar no mundo da investigación e cultura de Galicia.

Xosé Ramón Barreiro Fernández / foto Igrexas Certo Xornal CCBy Wikimedia

Xosé Ramón Barreiro foi presidente da Real Academia Galega, membro do consello asesor da Gran Enciclopedia Galega, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do Centro de Estudios Xacobeos, do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, do Seminario de Estudos Galegos e do Consello da Cultura Galega. Tamén foi membro da Fundación Rosalía de Castro, da que era padroeiro.

Barreiro naceu en plena Guerra Civil, o 2 de decembro de 1936, na localidade de Ribeira. Licenciouse e despois doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. Licenciouse en Filosofía e Letras, con premio extraordinario en 1974, e doutorándose finalmente en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese O campesino galego no século XIX: economía e sociedade.

Xa dende a publicación da súa tese especializouse no estudo da Historia Contemporánea de Galicia, no que foi durante case o último medio século un dos maiores referentes. Publicou obras como El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981), La imprenta en Galicia (1982), Historia social da Guerra da Independencia en Galicia (2009), Murguía (2012) ou os catro volumes dedicados ós séculos XIX e XX que publicou dentro do proxecto editorial Galicia (1991).

Recibiu numerosos premios e homenaxes. Entre eles o Premio da Crítica en 1985 e 2000 o Premio Santiago da TVG no ano 1987, a Medalla Castelao no ano 1991, a Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela, o Premio da Asociación de libreiros e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo. No ano 2008 publicouse na súa honra a obra A patria enteira: homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández editado polo Consello da Cultura Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e Real Academia Galega.

Facultade de Xeografía e Historia da USC / fotosantiagoturismo.com

Pode que che interese...