fbpx
Casa do Mitreo en Lugo, antiga Lucus Augusti / foto vilasamuralladas.eu

Aparece un forno e un almacén paralelos á vía XIX nas catas do Carme de Lugo

Tempo de lectura: 4 min.

No barrio do Carme, ó pé do recinto amurallado e o carón da Sala de Exposicións Porta Miñá, en dúas parcelas en fronte á igrexa do Carme. Este é o importante lugar escollido polo Concello de Lugo para dúas catas arqueolóxicas que pretenden explorar a riqueza dun dos lugares potencialmente máis relevantes da cidade.

Así o manifestou o pasado 1 de marzo a alcaldesa Lara Méndez que  explicou que o obxectivo é poñer en valor o patrimonio histórico e cultural da zona ó tempo que coñecer mellor a estrutura da cidade romana. Trátase de “seguir afondado no coñecemento arqueolóxico desta zona, moi vencellada con dous dos principais camiños históricos da cidade: a Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo”, que fan do lugar dun gran interese arqueolóxico.

Para os traballos estimábase a división en dúas catas, que comezarían cunha primeira e, en función dos resultados, decidiríase cara onde se encamiña a segunda, máis que finalmente pola importancia dos achados se fixeron xuntas. O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.

Sala de exposición de Porta Miñá no Carme / foto Adorian CCBy Wikimedia

Un forno e un almacén ó pé da Vía XIX

Agora, tan só 10 días despois do inicio dos traballos, as prospeccións xa están a dar singulares achados. Pois na escavación, duns 65 metros cadrados, apareceron estruturas de orixe romana, previsiblemente altoimperial, que semella corresponderse cunha cociña. Pois nela se atopou un forno e o que semella un espazo que podería terse empregado de almacén.

Porén, descoñécese se estas estruturas poderían formar parte dunha estrutura independente de finalidade produtiva ou artesanal ou se formarían parte do complexo dunha domus. Polo de agora as dúas catas, que finalmente se decidiu facer de forma contigua, non permiten ter unha imaxe máis definida dos achados.

Trataríase dun fogar construído directamente sobre o pavimento dunha sala que enlazaría con outra estancia. Nesta a falta da ausencia de elementos estruturais e analizando o tipo de materiais que apareceron, fai inclinar  ó arqueólogos a que estamos ante un almacén. Tamén se atoparon restos cerámicos que poderían ser de almacenaxe, vidros ou moedas.

Ademais, a estrutura das estancias achadas estaría disposta en paralelo á calzada romana  xa coñecida. Podería tratarse dunha edificación periurbana de produción, non definida polo de agora, pero que polas calidades dos materiais achados non parece especialmente rica. A cata permitiu ós arqueólogos descartar que nesta zona existise un ámbito funerario como se barallaba antes da intervención.

Lara Méndez no inicio dos traballos / foto Concello de Lugo

Cloacas, antigas vías e necrópoles

Ademais esta intervención destaca por ser a primeira vez en máis de 15 anos na que se fan prospeccións no lugar. Porén é xa a terceira ocasión na que se intervén a zona, logo de que o servizo municipal de arqueoloxía realizara traballos nos anos 1994 e 2005, que revelaron achados de especial interese e apuntaron cara a veracidade da existencia da Vía XIX baixo o lugar.

“Estas intervencións revelaron a existencia nesta zona dunha importante ocupación do espazo urbano durante os primeiros séculos de existencia da cidade. Durante a súa etapa baixoimperial puido ter acollido espazos de carácter funerario ou necrópoles, vencelladas ó decurso da vía romana á súa saída da cidade”, destacou na presentación dos traballos a rexedora.

No ano 1994 o control arqueolóxico realizado na parte posterior da Sala de Exposicións, puxo ao descuberto un tramo da cloaca romana que discorre pola Porta Miñá, e para a que o executivo municipal está a traballar nun proxecto de posta en valor. Ó mesmo tempo, unha cata situada a altura do camiño, permitiu descubrir restos de muros relacionados coa cidade romana altoimperial.

No ano 2005 realizouse outra cata arqueolóxica nunha das parcelas próximas á Sala de Exposicións, como parte do proxecto europeo Vías Atlánticas, que deu como resultado o achado da continuación da cloaca romana descuberta con anterioridade. Atopábase ben conservada baixo o pavimento de cantos dun tramo viario que se identificou co rueiro da cidade romana altoimperial.

Capela do Carme de Lugo / foto HombreDHojalata CCBy Wikimedia

A vía romana XIX e a cidade extramuros

Este tramo considerouse coincidente, asemade, coa traza da vía romana XIX que, seguindo o curso do decumanus maximus, un dos dous grandes eixos perpendiculares da cidade, inicia na Porta Miñá o seu percorrido cara Bracara Augusta en continuo descenso ata a ponte sobre o río Miño. Un traxecto mantívose ó longo da historia fosilizado no vello camiño que recibe na actualidade o nome de Regueiro dos Hortos e Calzada da Ponte.

Ademais da calzada, tamén se documentou unha sepultura realizada con caixa de tégulas, que nos sitúa nun momento de ocupación xa tardío (ss. IV- V d.C.), testemuñando a posible existencia dunha área de necrópole nesta zona, xunto á vía romana. Coas sondaxes ampliaranse os resultados das dúas anteriores intervencións, coñecerase mellor a traza da cidade romana, o seu espazo extramuros e as súas vías de comunicación.

As prospeccións permitirán ademais continuar o coñecemento dun espazo sobre o que se ten especulado especialmente. Para moitos a chave para entender a función dos espazos fora da cidade, para outros este inmenso espazo ó sur da urbe podería agochar arquitecturas aínda sen descubrir na cidade, como o seu teatro.

Porén, alén das especulacións o certo é que a intervención permitirá abrir unha importante porta ó coñecemento futuro de toda esta zona. “Os resultados da intervención que poñemos en marcha permitirán avaliar a potencialidade dos restos xa que, de resultar relevantes, estudaremos a posibilidade de ampliar a área de intervención e planificar actuacións de futuro” para afondar e dar a coñecer a importancia do lugar, como afirmaba Lara Méndez.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...