O PP rexeita declarar BIC o Castro Lupario, ameazado por unha liña de alta tensión | Historia de Galicia
Instalación dunha liña de alta tensión sobre o Castro Lupario / frame do vídeo Mr Xolite

O PP rexeita declarar BIC o Castro Lupario, ameazado por unha liña de alta tensión

Tempo de lectura: 3 min.

A Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia acaba de rexeitar o pasado xoves, tal e como recolle o diario Nós, unha petición do grupo parlamentario socialista para que o Castro Lupario e o excepcional conxunto patrimonial que o rodea poda ser declarado Ben de Interese Cultural. A proposta presentada pola parlamentaria Noa Díaz foi vetada polo Partido Popular, con maioría na cámara.

O feito é especialmente controvertido, pois asociacións culturais e veciños, levan anos pedindo esta declaración. Pídese tanto para recoñecer a importancia deste importante lugar arqueolóxico como pola necesidade de protexer coa máxima figura que outorga a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia un lugar seriamente ameazado por unha liña de alta tensión da compañía Red Eléctrica.

Mapa do futuro traxecto da liña de alta tensión que afectaría o entorno do Castro Lupario / remitida

O castro da Raíña Lupa, pazo, ponte, aldea, petróglifos e Camiño Real

E é que o castro polo que pasará a liña é un lugar dunha importancia excepcional. Pois trátase dun xacemento relacionado coa lenda da Raíña Lupa e non moi lonxe da cidade de Compostela. Ademais no lugar, ó redor dunha única aldea, atópase o Pazo de Faramello, a ponte de Paradela e o cruceiro de Francos, ademais dun tramo de Camiño Real, que é tamén Camiño de Santiago.

Ademais todos estes elementos dunha enorme importancia arqueolóxica, etnográfica e cultural, atópanse nun entorno privilexiado de bosque mixto de grande valor. Mais dende fai xa varios anos a construción dunha liña de alta tensión está a ameazar este espazo, polo que asociacións culturais, grupos políticos e veciños están a pedir á Xunta a paralización do proxecto.

 

De feito, foron os propios veciños os que organizaron unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org, que a día de hoxe leva recollidas preto de 1.200, e que se pode asinar aquí. E é que a propia liña pasa directamente por riba do entorno da liña de murallas do xacemento, así como, tal e como se explica no vídeo, do pazo, Camiño Real e aldea, obrigando a corta definitiva dunha franxa de 200 metros de ancho, sobre estes elementos.

A declaración do conxunto como BIC, que lévase reivindicando dende antes xa de coñecerse o proxecto de Red Eléctrica, daríalle ó xacemento o maior rango de protección que outorga a Lei de Patrimonio Cultural. A declaración obrigaría, probablemente, a replantexar o proxecto e a situalo fora do ámbito de protección de 200 metros que se establece para os xacementos arqueolóxicos, de xeito preventivo dende o momento da súa incoación.

Vistas do Cstro Lupario / foto Wikimedia

O Consello da Cultura Galega en contra do proxecto

E é que, de feito, o problema chegou mesmo ó Consello da Cultura Galega. Pois Comunidade de Veciños de Angueira de Castro solicitou a institución o pronunciamento sobre o impacto sobre o patrimonio da liña eléctrica de alta tensión (LAT) Lousame-Tibo. Pois entre as súas competencias do Consello está analizar cuestións se refiran ó patrimonio cultural e elevar ós poderes da Comunidade Autónoma informes e propostas a favor da súa defensa.

Unha vez revisada a documentación achegada pola asociación o Consello emitiu un informe no que se analizan os bens patrimoniais que caracterizan o ámbito xeográfico polo que pasa a liña, así como o Camiño Portugués. Os técnicos do Consello informaron desfavorablemente á intervención dándolle a razón ós veciños, nun informe que pode consultarse na propia web do Consello.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: