fbpx
Virxinia, detalle da foto co seu fillo PD

Oito mulleres galegas esquecidas pola nosa historia

Tempo de lectura: 6 min.

Compositoras, actrices, tradutoras de institucións internacionais, directoras de grandes xornais, mestras ou mesmo candidatas ó Nobel de Literatura. A historia da muller está moitas veces esquecida, moitas outras ignorada, outras, mesmo silenciada. A pesares de logros moi notables todas estas mulleres foron esquecidas na historia de Galicia. Neste 8M é preciso recordar a oito delas.

Eugenia Osterberger

Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, debería ser coñecida como a gran pianista e compositora do romanticismo galego. Nada en Santiago de Compostela en 1852, destacou xa dende nena como intérprete. De maior foi pianista, compositora e mestra de grandes intérpretes musicais.

Foi correspondente da Real Academia Galega na súa fundación en 1906 e membro da sociedade El Folk-Lore Gallego, participando en diversas iniciativas pola cultura galega. Nelas entablaría gran amizade con figuras culturais do momento como Emilia Pardo Bazán. Porén as súas obras son en boa medida descoñecidas e escasamente publicadas.

Eugenia Osterber / foto PD

Maruxa Villanueva

María Isaura Vázquez Blanco, ou simplemente Maruxa Villanueva, foi unha actriz galega que triunfou nos escenarios de Bos Aires. Emigrada a Arxenina con vinte anos, en 1926, gañou a vida na emigración cantando e actuando con gran éxito na Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva, fundada por ela mesma.

Entablou amizade con exiliados, colaborou en actividades en favor da República e dende a súa compañía estreou obras como Os vellos non deben de Namorarse. En 1949 tratou de volver a Galicia mais a censura franquista non lle permitiu o traballo aquí. Cando volveu definitivamente en 1971 foi presidenta do Patronato Rosalía de Castro e unha das grandes promotoras da súa Casa Museo.

Maruxa Villanueva / foto PD

María Péres, a Balteira

María a Balteira foi unha nobre galega que viviu no século XIII en Armeá, Coirós. Sábese da súa vida por un documento do mosteiro de Sobrado de 1257 no que pide ós monxes protección para as súas propiedades. No documento permuta, de feito a súa, herdade de Armeá a cambio de sustento e protección estando fora.

E é que María Peres, debeu ser naquel momento unha das máis coñecidas soldadeiras medievais, unha figura que acompaña ós xograres nas súas actuacións. María Peres tería frecuentado as cortes de Fernando III e Afonso X, é sería coñecida por aparecer en diversas cantigas medievais. No documento de Sobrado pide que tras a súa morte o seu corpo sexa levada ó mosteiro descansando para sempre nun ataúde baixo un cobertor vermello.

Unha soldadeira nunha miniatura do folio 21 do Cancioneiro de Ajuda / foto Wikimedia PD

Amparo Alvajar

Unha tradutora galega que traballou no corazón de institucións como a ONU, a UNESCO, a OIT ou que participou no Comité de Desarme da Organización da Enerxía Atómica. Foi María Amparo Alvajar López Jean, unha unha xornalista, tradutora e escritora galega, filla do político republicano César Alvajar. Dende nova destacou pola súa capacidade intelectual e na música chegando a ser secretaria de Casares Quiroga no Concello da Coruña, primeiro, traballando despois  no Ministerio da Gobernación.

Co golpe franquista, exiliouse a Valencia e despois a Barcelona, máis tarde a Burdeos e Bos Aires. Alí participou da intelectualidade no exilio e foi tradutora e escritora, entre outros, de obras teatrais. Na década de 1950 traballou como tradutora para a ONU en Nova Iorque, e despois para o Correo da UNESCO de París. Na década de 1960 foi tradutora da OIT en Xenebra e do Comité de Desarme na Organización de Enerxía Atómica.

Amparo Alvajar en 1932 en Vida Gallega / foto Wikimedia PD

María Luz Morales Godoy

María Luz Morales Godoy foi a primeira muller que dirixiu un xornal nacional. Foi o xornal La Vanguardia, durante a Guerra Civil, o que a levou a ser purgada tras a guerra. María Luz naceu na Coruña en 1898, mais dende nena viviu coa súa familia en Barcelona. Alí estudou Filosofía e Letras e xa en 1924 comezou traballar na sección de cinematografía do xornal baixo un pseudónimo masculino, Felipe Centeno.

Foi colaboradora do xornal El Sol, foi editora e adaptou obras mestras para varias editoriais. Traballou tamén para a produtora americana Paramount Pictures como responsable da asesoría literaria dos seus filmes, traballando despois como tradutora e adaptadora de diálogos no cine sonoro.

Participou tamén na promoción do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, e nese ano foi nomeada directora de La Vanguardia. Mais tras a Guerra Civil foi cesada, xulgada, inhabilitada e enclaustrada nun convento barcelonés. A partires da década de 1950 volverá traballar como crítica teatral, colaborando con diversas editoriais. A súa novela El amor empieza en sábado foi levada ó cine e hoxe dá nome ós premios da Academia Galega do Audiovisual.

María Luz Morales / foto Wikimedia PD

Virxinia Pereira

Virxinia Pereira Renda foi moito máis que a muller de Castelao, polo que se lle coñece. Nada en 1884 e pertencente a unha familia acomodada da Estrada, coñeceu a Castelao mentres el estudaba medicina en Santiago. Da man de Castelao deixou unha vida cómoda para desenvolver un importante compromiso cultural e galeguista, que xunto a el a levou ó exilio. En Bos Aires compartiu o compromiso político e cultural de Daniel sendo en moitas ocasións o seu sustento. Tras a súa morte tomou o papel de garda do seu legado, conseguindo que hoxe a maior parte da súa obra forme parte da colección do Museo de Pontevedra.

Virxinia, detalle da foto co seu fillo / PD

Sofía Casanova

Sofía Pérez Eguía y Casanova de Lutoslawski, máis coñecida como Sofía Casanova, foi unha muller galega nada na cidade da Coruña en 1861 que chegou a ser nominada ó Premio Nobel de Literatura en 1926. Foi unha actriz de teatro, escritora e xornalista galega. Traballou como actriz do Teatro Español e do Teatro da Zarzuela, formando parte dos círculos intelectuais de Madrid.

Tras a súa voda co polaco Wincenty Lutosławski, dedicouse á literatura e xornalismo, vivindo en Inglaterra, Rusia e Polonia, sendo tamén tradutora de polaco e ruso ó castelán. Foi a primeira correspondente española permanente dun diario no estranxeiro e unha das primeiras correspondente de guerra españolas, vivindo de primeira man a caída do tzarismo e dúas guerras mundiais. En 1952 foi nomeada membro de honra da Real Academia Galega.

Portada de Lo Eterno de Sofía Casanova PD

Ofelia Nieto

María Ofelia Erenia Nieto Iglesias foi unha soprano galega que destacou na capital española na zarzuela e a ópera. Natural de Santiago de Compostela e nada no ano 1900, Ofelia, á idade de 12 anos, trasladouse coa súa familia á cidade de Santa Cruz de la Palma. Alí foi “descuberta” por unha compañía de Zarzuela do Teatro Real de Madrid despois de que membros da compañía quedaran abraiados pola súa voz. Finou en 1931 e está enterrada no cemiterio da Almudena. Levan o seu nome unha rúa de Madrid e unha rotonda do Parque de María Luisa de Sevilla.

Ofelia Nieto / foto Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada PD


Para saber máis: Se queres saber máis sobre mulleres na historia de Galicia podes consulata o libro 100 Mulleres de Galicia, editado pola Consellería de Educación, que pode consultarse en liña. Tamén poden interesarche outras publicacións como o libro Mujeres para la historia. La España silenciada del siglo XX. de Ediciones Carena ou Historia das mulleres en Galicia, pola Secretaría de Igualdade, entre outros.


Pode que che interese...