fbpx
Estado actual da Ponte do Burgo / foto Concello de Pontevedra

Pílula histórica: A ponte do Burgo, a razón de ser da cidade da ‘ponte vella’

Tempo de lectura: 2 min.

A Ponte do Burgo de Pontevedra é a razón de ser da cidade e dálle nome de feito. A construción da ponte dataría de época romana cando o lugar era atravesado pola vía XX. No lugar atoparíase a mansio Turoqua, achándose en escavacións da zona transpontem restos arqueolóxicos que farían referencia a esta. A ponte romana sería substituída no século XII, por unha nova que segundo os investigadores se construiría á beira da romana dando lugar así a denominación de “pontis veteris”.

A primeira referencia sería Esta ponte dataría do ano 1165 cando Fernando II de León e Galicia e Afonso de Portugal asinan a pax super flumen Lerice pontem. A ponte nova constaría de 15 arcos e dous estribos nun conxunto duns 30 metros, lixeiramente máis amplo que o actual. Sería bastante similar á vista de Pontevedra de Pier Maria Baldi de 1669. Nela vese unha ponte deste número de arcos nunha Pontevedra amurallada e un amplo barrio superpontemseparado cun arco do propio paso que seguramente se correspondería cunha torre destruída en 1805.

Ponte do burgo antes da última reforma na que se aprecian as diferentes etapas construtivas / foto Turismo de Galicia

Ata o século XIX habería tamén un cruceiro no centro da ponte que se trasladaría a Praza da Leña. Dende aquela a ponte sufriría reconstrucións ó longo de varias épocas, que non están de todo documentadas aínda que si  os seus derrubes, acontecidos en 1464 e 1658 e 1719. En 1901 faríase unha ampliación para anchear a estrada de acceso á cidade dende o norte, mentres que a grande reforma que ocultaría plenamente a traza anterior se faría en 1953-1954.

Foi nesta época cando, pousados sobre os tallamares, se colocarían unha ampliación por medio de arcos escarzados de cantería, en lugar de, coma noutras pontes taboleiro de formigón. Estes son os que dan a icónica imaxe da ponte con cunchas de vieira nos frontis exteriores. No ano 2019 a ponte foi rehabilitada e peonizada, actuando sobre 6.758 m2. Nesta rehabilitación non se lle eliminou ningún engadido, senón que se optou por establecer un substrato actual, unha nova capa sobre a antiga ponte conformada ó longo dos séculos.

Estado actual da Ponte do Burgo / foto Concello de Pontevedra

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...