fbpx
Curtidoiro das Casas do Rego / foto histórica compostelaverde.santiagodecompostela.gal

Santiago aproba a rehabilitación da curtidoría das Casas do Rego nun conxunto con vivendas de deseño

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela aproba o proxecto de urbanización das Casas do Rego, ó pé da estrada de acceso ó monte Pedroso. O organismo aprobou definitivamente o “Proxecto de urbanización do polígono de solo urbano non consolidado nº 39 de Casas do Rego” a parcela da histórica curtidoría.

O alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, sinalou en rolda de prensa que se vai recuperar esa antiga fábrica de curtidos. O lugar que leva moitos décadas abandonado reurbanizarase agora con 39 vivendas e amplas zonas verdes.

O proxecto, tal e como presentou o rexedor, contaría con dúas zonas verdes, unha na entrada e outra máis ampla, con amplo arborado, na zona posterior. A intervención, iso si, contará con condicionantes, como a supervisión arqueolóxica, sondaxes para intervir nos tres camiños ou a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio para a intervención na propia fábrica e de Augas de Galicia nas servidumes do Sarela.

Estado actual da curtidoría / foto compostelaverde.santiagodecompostela.gal

A obra estará promovida por Santiago Sur. Para o lugar xa existiu un proxecto da pasada década da promotora Otero Pombo e do arquitecto Víctor López Cotelo, autores de obras tan representativas da arquitectura contemporánea da cidade como a Vaquería do Carme ou o complexo de Ponte Sarela, no que tamén se interveu sobre outra das grandes curtidorías da cidade.

A de Casas do Rego trátase dun conxunto fabril que data da última década do século XVIII e que se foi desenvolvendo ó longo de todo o século XIX. Esta é unha das grandes curtidorías que existiron na cidade ó redor de todo o curso do Sarela, nun momento no que a cidade era unha verdadeira potencia industrial do coiro.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...