fbpx
Frame do vídeo promocional de Compostela Rupetre

Vídeo: Así se promocionará toda a extraordinaria riqueza rupestre das terras de Compostela

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado 17 marzo presentábase no concello de Teo o vídeo co que se promocionará a riqueza rupestre de Compostela e a súa comarca. Foi na primeira xuntanza do Consello Directivo, que recae este ano en Teo, e no que se estreou o vídeo documental sobre a riqueza arqueolóxica do territorio incluído no parque. Tamén botou a andar a redacción do Plan Director.

O vídeo promocionará o patrimonio do territorio deste gran parque ó aire libre que recolle as extraordinarias manifestacións de petróglifos achados nos últimos lustros nos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Teo, Brión e Val do Dubra. Trátase dos máis de cento cincuenta xacementos que están contabilizados no territorio e Compostela Rupestre, e que o propio vídeo recoñece como “o Pórtico da Gloria da nosa prehistoria”, en palabras do seu director.

Frame do vídeo promocional de Compostela Rupetre

A peza é un relato narrativo que enlaza a forza patrimonial cos catro elementos naturais e coa conexión coa súa longa historia. Nel se presentan os conxuntos de gravaduras relacionados cos catro elementos, co obxectivo de “conectar coas raíces, co que somos e forma parte dun xeito de ser e estar que se deu na Europa Atlántica, cunha grande concentración no noso territorio”.

O proxecto audiovisual está producido e dirixido por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, conta con dirección e guión de Andrea Barrán e Aser Álvarez e asesoramento do noso colaborador Luís Leclere e de varios membros do Colectivo A Rula. O vídeo conta coa interpretación de Fernando Rivas Araújo e a locución de Brais Prieto Moure.

 

Un plan director para o do Parque

Ademais do vídeo, na reunión presentouse tamén o plan director do proxecto Compostela Rupestre, tal e como estaba previsto. Trátase do documento no que se proxectarán aspectos como documentación e investigación, protección, conservación preventiva e mantemento ou divulgación, comunicación e musealización, constituíndo os tres eixos do programa de actuacións.

A súa redacción terá seis meses como prazo de execución e foi adxudicado por concurso á empresa Trivium. Ten como obxectivos investigar o patrimonio rupestre dos municipios que integran o proxecto; protexer, manter e conservar a riqueza arqueolóxica e o seu ámbito físico, divulgar e comunicar e deseñar o modelo de xestión de cara a actuacións futuras.

Frame do vídeo promocional de Compostela Rupetre

Nel se recollerán as estacións rupestres que forman parte do parque e que están incluídas actualmente na web www.compostelarupestre.gal. Entre outros petróglifos, estudaranse os do Vilar, Nave de Mourigade, Monte das Pedras, Oca e Peneda Negra no concello de Ames; Monte Pumariño en Brión; Correxíns, O Rexio, Rula 1 e 2, Os Cortellos 3 ou Pedra a Loba, Castriño de Conxo e A Pedra que Fala en Santiago de Compostela; Río Angueira 1 e 1, Outeiro do Corno e Pedra Bicuda do Loureiro en Teo e Pedra do Home en Val do Dubra.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...