fbpx
Obras no castro de Alobre en Vilagarcía / foto Ministerio de Fomento

Avalancha de críticas ó estudo de arquitectura con sedes en Madrid e Kuwait que deseñou as intervencións nos castros de Subidá, Alobre e Toiriz

Tempo de lectura: 3 min.

“Por favor, non veñades a ‘pór en valor’ ningún castro máis!. Está claro que non é o voso!”; “Se non entendedes un sitio e unha cultura é mellor non tocalo. Ide a Atapuerca e propoñédelle unha intervención así.. anímovos!!”; “Un disparate de intervención que estraga un xacemento arqueolóxico para beneficio económico e ególatra”; “Espero que non sigades destrozando castros por toda Pontevedra”; “Que morea de cascallos puxeches nos nosos castros”; “A destruír xacementos arqueolóxicos agora se lle di “pór en valor?”.

Con esta dureza daban resposta preto dun cento de persoas, entre eles profesionais da cultura e da arqueoloxía, á presentación nas redes por parte de AGI arquitectos das intervencións nos castros de Subidá, Alobre e Toiriz o pasado día 15. Pois a empresa de arquitectura con sedes en Madrid e Kuwait presentaba como traballo do seu estudo estas polémicas intervencións de deseño paisaxístico, nas que traballara xunto a empresa Patrimonio Inteligente e a cargo do Ministerio de Fomento.

Obras no castro de Alobre en Vilagarcía / foto Ministerio de Fomento

“Hoxe prodúcese a apertura ó público dos primeiros tres xacementos galaico-romanos en Pontevedra, un proxecto levado a cabo por AGi arquitectos, Fase I de #TrazasdePontevedra. Trátase dunha intervención paisaxística sensible e respectuosa co medio natural e arqueolóxico, que ofrece unha experiencia única para o visitante e para a promoción do turismo na zona. A combinación de capas de información, con pavimentos, materiais e o sistema explicativo de picas, definen este museo natural, cuxas estratexias son aplicables ó resto dos xacementos a intervir”, afirmaban nas súas redes.

Escrita en castelán e inglés, a publicación aberta era recollida por membros de varias páxinas en defensa do patrimonio arqueolóxico e compartido mais dun cento de veces. A polémica polas intervencións nestes castros acababa de estoupar de novo e trasladarse agora ós arquitectos responsables do propio deseño das obras. Á publicación chegaban máis dun cento de comentarios e era compartida en diversos grupos e páxinas especializadas en cultura, arte e arqueoloxía de Galicia e nacionais. Todas elas cunha crítica clara: a intervención non foi a adecuada.

Inauguración do castro de Subidá / foto Concello de Marín

E é que no máis dun cento de respostas á publicación e ás súas compartidas escasas son as respostas que se posicionaban a favor. Porén, ademais dos sempre inxustificables insultos, chegaban outros moitos comentarios con sorna ou que mesmo recordaban outras intervencións do pasado nestes xacementos: “non digades que non quedan bonitos, espero que poidamos chegar ó centro en coche. Por certo, sabedes se hai terrazas para tomar unhas cervexas?”; “a posta en valor foi realmente fai 11 anos”, afirmaban. Así, a polémica respecto a esta intervención volve estar de novo, dun xeito moi vívido, enriba da mesa.

AGI arquitectos, unha empresa xestada en Hardvard con sedes en Madrid e Kuwait

O certo é que AGI arquitectos é unha firma de arquitectura, de xa longa traxectoria, con sede en Madrid e en Kuwait. É unha empresa fundada no ano 2006 polos arquitecos Joaquín Pérez Goicoechea e Nasser B. Abulhasan tras o contacto de ambos no Mestrado en Arquitectura da Graduate School of Design da Universidade de Harvard.

Obras no castro de Alobre en Vilagarcía / foto Ministerio de Fomento

Entre os seus proxectos e obras destacan numerosas obras residenciais en España e no país árabe, así como diferentes proxectos, como a proposta para o Museo del Ferrocarril de Madrid, o proxecto para o Mercado de Abastos de Villanueva de la Serena ou a proposta para a intervención no xacemento da Arrixaca en Murcia. Para Galicia destacan na súa web o proxecto para un Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais.

Do seu traballo afirman no seu propio blog que son un estudo “cun claro carácter internacional e un enfoque multidisciplinar” que ofrece “un servizo profesional que aposta pola calidade, a creatividade e o deseño exclusivo, co fin de crear ambientes que proporcionen valor diferencial no tempo”. “Para isto, aproveitamos un gran fondo arquitectónico, artístico e sostible”, afirman. Agora, para ben ou para mal, o ollo destas polémicas intervencións está posto sobre eles.

Pode que che interese...