fbpx
Finca do Espiñoa / foto Noel Feans CCBy Wikimedia

Comeza por fin a rehabilitación do palacete da finca do Espiño, a gran xoia abandonada da cidade Santiago

Tempo de lectura: 3 min.

Un dos edificios modernistas máis salientables da cidade de Santiago recuperarase dunha ruína agónica despois de moitas décadas de abandono. Así o aprobou o pasado luns o Concello de Santiago de Compostela, adxudicando, mediante procedemento aberto simplicado, o expediente denominado “Execución das obras de rehabilitación do palacete da Finca do Espiño para equipamento municipal cultural e administrativo”.

O proxecto, incluido na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) terá un orzamento de 1.463.686 euros, e un período de execución de 12 meses, aínda que no seu momento anunciárase que estaría rematado este mesmo verán. Iníciase así unha das obras de rehabilitación máis agardadas da cidade de Santiago de Compostela.

Gárgola na Finca do Espiño / foto Ignacio Vidal Franco CCBy Wikimedia

O proxecto contempla a rehabilitación completa do edificio, recuperando catro amplas estancias principais, con dúas plantas conectadas a través dunha escaleira e un ascensor. Na obra recuperarase tamén a antiga capela, situada ao fondo da edificación e con acceso externo, así como a antiga torre do edificio, que marca de xeito destacado a súa silueta, situada na fachada principal.

Para isto o proxecto contempla a reconstrución dos antigos muros interiores do edificio, que desapareceron nos últimos anos, e a través da súa recuperación poderanse atar e consolidar os restos de muros en pé da construción orixinal. Conservarase a envolvente orixinal da maior parte das fachadas e os novos muros interiores. Os muros que substitúen ás fábricas orixinais que desaparecidas, distinguiranse formalmente ó exterior dos muros orixinais, cun acabado de madeira tratada.

Así, o Concello de Santiago afrontará por fin a recuperación deste edificio único, que será convertido nun edificio de usos múltiples de carácter cultural.  Farao despois de que a corporación de Martiño Noriega recuperara como parque público a finca que o rodea e despois de décadas de agarda, de diferentes proxectos, de discusións e pleitos sobre a súa edificabilidade e do paso por tres gobernos locais de distintas cores políticas.

Finca do Espiño / foto Adrián Estévez (Estevoaei) CCBY Wikimedia

O gran intento modernista de emular o mundo dos pazos 

Construído na segunda década do S. XX, entre 1910 e 1915, polo gran arquitecto modernista Jesús López de Rego, e promovida pola Gutiérrez de la Peña, a quinta da Finca do Espiño, foi un intento romántico de emular o mundo dos pazos dende a modernidade decimonónica. Tratábase de crear unha quinta de recreo, ou unha nova residencia fora do centro urbano, que se unira a representatividade pacega con unha estética renovada e moderna como era a do Art Nouveau.

O resultado foi un excepcional edificio, que contaba con elementos como torres ou capela, pero que á vez empregaba unha linguaxe decorativa innovadora, filla dun eclecticismo que estaba a recoller os novos aires do Art Nouveau introducidos na cidade por esta arquitecto. Construído no interior dunha gran propiedade axardinada, co paso dos anos e co posterior abandono o edificio e finca acabaron por converterse nun dos lugares máis fascinantes da cidade, unha ruína modernista rodeada de árbores agochada tras grandes muros de pedra, facéndose urxente cada vez máis décadas a súa rehabilitación.

Estado atual da finca do Espiño / foto Concello de Santiago de Compostela

Pode que che interese...