fbpx
Corta de árbores centenarias na na Ribeira Sacra / foto Amigas das Árbores da Limia

Cortan centos de árbores autóctonas na Ribeira Sacra, seis meses despois de asinar un Pacto pola Paisaxe

Tempo de lectura: 2 min.

Unha corta de centos ou milleiros de árbores autóctonas, moitas delas centenarias, promovida pola Xunta e financiada pola Unión Europea. Esta é a última catástrofe ambiental e paisaxística na Ribeira Sacra, candidata Patrimonio Mundial pola UNESCO, que foi denunciada nos pasados días pola asociación Amigas das Árbores da Limia.

A corta masiva, na que non se está a diferenciar nin por nin especie nin por idade, nin por porte das árbores, está a desenvolverse no concello de Castro Caldelas, na Ribeira Sacra Ourensá. O obxectivo, desenvolver unha concentración parcelaria, promovida pola propia Xunta de Galicia e co cofinanciamento da Unión Europea ó 75% programa 2014-2020 FEADER medida 43.

Esta nova corta masiva no corazón desta zona de Galicia, candidata a Patrimonio Mundial, súmase a outras desfeitas ambientais e patrimonias acontecidas ó longo dos últimos anos na zona, como varias cortas indiscriminadas, danos irreparables no mosteiro de San Pedro de Rocas, o proxecto para a instalación dunha tirolina nos canóns ou mesmo a venta por pedras dun convento. Así, esta última agresión, para moitos podería ser mesmo un punto de inflexión para a candidatura.

Tan só seis meses despois do Pacto pola Paisaxe

A corta prodúcese, ademais, menos de seis meses despois de que a Consellería de Medio Ambiente, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e un total de 21 Concellos da zona, asinaran e promocionaran un Pacto pola Paisaxe. No convenio afirmábase que se impulsarían accións para velar polos valores naturais e patrimoniais desta zona de Galicia.

O convenio contaba cun orzamento de 550.000 euros, que serán achegados pola Xunta de Galicia e formaría parte do o Plan de Acción para a Ribeira Sacra. Trataríase dunha “estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico” da zona. Porén, a realidade é que carballeiras, bidueirais ou bosques de ribeir están a desaparecer, sen diferenza e en tabula rasa neste momento, tal e como denunciaron varias asociacións ambientais.

Desfeita natural na Ribeira Sacra / foto Amigas das Árbores de Ourense

Pode que che interese...