fbpx
O país da Moura frame do vídeo

Estréase on-line e de balde O país da Moura, o documental sobre o mito entre os mitos galegos

Tempo de lectura: 2 min.

“Chegou o día que estabamos agardando para poder estrear on-line o noso documental ‘O país da Moura’”. Así o contan no seu blogue Ab Origine, a empresa de antropoloxía que está a desenvolver este excepcional proxecto para coñecer o que é un dos maiores mitos da historia de Galicia.

“‘O país da Moura’ é un documental sobre a riqueza mitolóxica que atesoura Galicia centrado nas lendas que configuran o mito da Moura, o personaxe mitolóxico máis importante da nosa cultura e un dos elementos simbólicos do folclore galego”.Trátase dun proxecto do antropólogo Rafael Quintía, con Valentín García Bóveda como produtor e con Miguel Alonso como responsable da realización técnica.

O proxecto conta co testemuño de varios expertos, como Antonio Reigosa, Buenaventura Aparicio Casado, Anxo Rosales, o propio Rafael Quintía ou a nosa colaboradora Lidia Mariño. Tamén da recompilación dos testemuños da veciñanza de máis de 30 concellos das catro provincias galegas.

 

Ó longo de case dúas horas e media de metraxe e dividida en once capítulos, o documental conta  a lenda desta personaxe da mitoloxía galega. Mentres fai un percorrido “por diferentes lugares do noso territorio vinculados a estes mitos e cuxo valor natural, arqueolóxico, etnográfico ou cultura é significativo para entender e contextualizar os relatos orais recollidos neste audiovisual”.

Cada día na canle, redes sociais e blogue de Ab Origine

Este sábado 24 de abril ás 22h estreábase, no blogue de Ab Origine, na súa canle de YouTube e na súa páxina de Facebook, o capítulo 1 do filme. Pois “O país da Moura” está estruturado en capítulos, a xeito de serie documental, que se irán publicando cada día da semana, ata rematar o martes 4 de maio coa proxección do derradeiro capítulo. Segundo afirman dende a empresa “velaí o noso xeito de celebrar o ciclo festivo ritual dos Maios”.

O documental recolle a investigación do propio Quintía titulada Análise estrutural e simbólica do mito da Moura galega, Premio Vicente Risco na súa vixésima edición. Porén o autor quixo darlle voz e imaxe a xente que mantén viva esta testemuña oral e empregar o soporte audiovisual como ferramenta para complementar o traballo. Non en balde trátase de contar o que seguramente é o mito máis importante do noso folclore.

Pode que che interese...