fbpx
Castro de Santiago de Berdeogas en Dumbría / foto Historia de Galicia

Igrexa, reitoral, carballeira, hórreo e pombal …sobre un castro. Así é o lugar de Santiago de Berdeogas

Tempo de lectura: 3 min.

Unha alta torre barroca rematada cun cupulín dá conta dunha parroquial dedicada ó apóstolo Santiago. Esta igrexa, construída entre os séculos XVI e XVIII, de feitura barroca, unha soa nave, capela maior, capela e sancristía, podería ser a de calquera aldea galega. Mais ten unha particularidade: atoparse xunto con reitoral, pombal, carballeira e impoñente hórreo enriba dun castro.

Trátase do singular lugar de Santiago de Berdeogas, no Concello de Dumbría, no interior da Costa da Morte. Aquí se pode recoñecer aínda perfectamente o recinto dun castro que tería perdido por completo a cara leste das súas murallas. Perdeunas para deixar lugar a igrexa e reitoral situadas sobre a propia croa do poboado da Idade do Ferro. Cuberto cunha espléndida carballeira, o castro acolle ademais o pombal e un dos hórreos máis longos da Costa da Morte.

Unha igrexa barroca sobre a desaparecida muralla leste

O castro, situado ó carón da vila de Berdeogas, conserva aínda entre a metade e as tres cuartas partes das súas murallas, a norte, a oeste e a sur, mantendo aínda en bo estado a imaxe da antiga aldea fortificada. Ó leste a muralla atópase completamente desaparecida, e ó sur, algo máis baixa, erguese directamente sobre o río. Trataríase dun castro de pequenas dimensións na súa anchura pero probablemente bastante longo no seu día. Este recinto fortificado nunca foi escavado.

Sobre a súa desaparecido muralla leste atópase a antiga igrexa e reitoral. A parroquial, construída na Idade Moderna, é a paradigmática igrexa rural galega de estilo barroco, cunha soa nave, capela maior e sancristía unida ó sur do presbiterio, separados por un arco triunfal volteado. Destaca o seu retablo neoclásico do século XIX, dedicado ó apóstolo Santiago, a súa fachada barroca, dous sarcófagos do século XIX situados no adro e a súa excepcional reitoral.

Pombal e hórreo de 16 “impares” de pés

Ademais, no interior, sobre a propia croa do castro, destacan hórreo e pombal. O primeiro é un dos cabazos máis longos da Costa da Morte. De tipoloxía fisterrán acada os 24 metros, destacando poderosamente sobre o recinto. Mais contando cunha excepcional singularidade: pois non pode contarse, como a maioría dos cabazos, por pares de pés, pois pola cara norte conta con 15 soportes e pola cara sur ten 16. É un dos máis longos e singulares entre os 800 que ten o concello de Dumbría.

Xunto a el o outro elemento etnográfico, tamén no corazón da croa do castro: o pombal. Aínda que non é de especial singularidade, si de gran feitura, e un bo exemplo deste tipo de edificacións. Feito de cachotería encintada, planta circular e corpo cilíndrico con tellado a un auga secante ó seu tambor. Cunha porta de acceso, cornixa e buratiños para a entrada das pombas en coidadas proporcións.

Río, carballeira e unha festa familiar

Así, a croa do castro funciona en parte como adro da igrexa. E como en gran parte dos adros das igrexas galegas, o conxunto aparece pechado de lonxevas árbores. Neste caso, trepando polas murallas do castro esténdese unha carballeira. Tamén ó seu redor, sobre un regato e un paseo de madeira a pé do río. Tamén varios muíños, unha ponte e unha carballeira propiamente dita na zona máis chan, con vexetación, árbores de ribeira e acivros centenarios.

Este excepcional lugar recolle patrimonio único dende a Idade do Ferro ós nosos días, quen sabe se coa vocación de cristianizar o sitio ou se cadra polo escaso desprazamento da poboación ó exterior do recinto fortificado. Tamén, e baixo a carballeira, un merendeiro. Pois baixo ela segue a celebrarse todos os anos unha festa no lugar. É  a chamada Festa da Familia, unha xuntanza de amigos, veciños e de todo aquel que queira gozar do xantar ó aire libre, co son das gaitas, baixo a sombra de ameneiros e carballos e o carón dun excepcional lugar patrimonial.

Pode que che interese...