Morre Carro Otero, un dos grandes estudosos dos ósos atopados na Catedral de Santiago
A Real Academia Galega emitiu un comunicado no que expresa o seu “profundo pesar” polo falecemento de José Carro Otero, membro correspondente da institución desde o ano 1967 e un dos estudiosos dos ósos atopados na Catedral de Santiago, entre eles, os atribuídos ao apóstolo Santiago.
O médico e antropólogo, actual presidente da Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, faleceu en Santiago de Compostela, a cidade onde naceu en 1942.
Nunha dilatada traxectoria académica e profesional na que tocou distintos paus tamén destacou como investigador da historia e da arte, especialmente do ámbito compostelán. Era un dos expertos de referencia sobre a Catedral de Santiago. Ademais, as súas principais áreas de investigación foron a anatomía, a antropoloxía física e a historia da Medicina.