fbpx
Dolmen de Pedra da Arca / foto HdG

Novo avance do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, mentres os seus dolmens seguen a sufrir danos

Tempo de lectura: 4 min.

O Parque do Megalitismo da Costa da Morte continúa a avanzar a pequenos pasos. E é que no día de onte o proxecto deu un novo avance para converterse nunha realidade, despois de que representantes da Deputación da Coruña e dos dez Concellos que participan no proxecto acordaran darlle un novo pulo.

Reunidos na vila de Carballo, Xosé Regueira, deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña, alcaldes e representantes dos dez Concellos que participan no proxecto aprobaron a aceleración das xestións municipais para completar a compra dos terreos nos que se sitúan dolmens e menhires. Tamén o relevo na presidencia que pasa do Concello de Dumbría ó de Laxe.

Dolmen MIna da Perxubeira, en Mazaricos / galipedia

Mercar ou expropiar todos os terreos ó longo deste ano

O obxectivo será impulsar este ano as distintas liñas de traballo abertas, principalmente a compra dos terreos, despois do parón debido á pandemia. Esta situación excepcional obrigou o pasado ano a desviar o orzamento previsto para as primeiras actuacións do parque que se destinaron a outras urxencias, retomándose agora.

Para isto acelerarase o proceso para completar a compra dos terreos nos que se sitúan os dolmens e menhires catalogados no territorio do Parque. Serán os propios Concellos os que teñen que tramitarán a compra ou expropiación dos terreos. Despois a Deputación financiará esta compra con fondos que trasladará posteriormente ós Concellos a través de convenios con cada un deles pola cantidade indicada.

Así, os Concellos comprometéronse a poñerse en contacto coas persoas propietarias dos terreos onde se atopan os bens patrimoniais para efectuar a compra ou expropiación e a Deputación da Coruña facilitará os fondos. Para isto o organismo ten orzamentado ata un total de 350.000 euros, co obxectivo de que se poda facer coas propiedades ó longo deste ano.

Deste xeito agárdase que un total 14 dolmens e 2 menhires, pasen a estar en mans públicas ó longo deste ano, tendo en conta que algúns deles xa foron mercados no pasado. Ademais da compra de patrimonio, o Comité de Dirección avanzou na necesidade de concretar un plan de sinalización de recursos, divulgación e pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal.

 

Pedra da Arca en Vimianzo / foto HdG

Presidencia de Laxe

Ademais destas iniciativas adoptouse tomar o relevo no Comité de Dirección do proxecto. Pois a xuntanza de Carballo foi a última en que esta estivo presidida polo alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, xa que, en función do seu carácter anual e rotatorio en concellos de menor a maior número de habitantes, a partir de agora o cargo pasará ó Concello de Laxe.

Na xuntanza participaron alcaldes e representantes municipais dos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas. Nela púxose tamén sobre a mesa a necesidade de apurar ó máximo a tramitación da compra dos xacementos.

“Despois da cesión dos créditos previstos para urxencias sociais pola situación provocada pola covid queriamos retomar con forza os traballos de consolidación do Parque do Megalitismo que experimentará un importante avance este ano coa adquisición de bens patrimoniais claves para o proxecto”, sinalaba Regueira.

Dolmen de Pedra Cuberta / foto Concello de Vimianzo

14 xacementos e máis de 300 bens relacionados

O Parque do Megalitismo da Costa da Morte estará composto por 14 xacementos. Serán a Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas.

Ademais destes bens patrimoniais, non cabe dúbida de que o Dolmen de Dombate coñecido como a “catedral do megalitismo”, aínda que teña o seu propio plan director, será un recurso clave no proxecto.

Ademais o Parque Arqueolóxico do Megalitismo esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente e, en concreto nos dez concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña. Neste territorio atópanse máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra en Galicia e que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír a súa difusión.

Dolmen de Pedra da Arca en Vimianzo / foto HdG

Pode que che interese...