fbpx
Fotografía do barco Olympia cedida por Fernando Patricio Cortizo.

Outra campá misteriosa dun barco afundido: a Nosa Señora do Carme de Camariñas

Tempo de lectura: 3 min.

Moitas ermidas e capelas de Galicia, especialmente na Costa da Morte; antiga Costa Brava, penduran campás de barcos naufragados nas nosas augas, aínda que as hai de barcos que naufragaron moi lonxe das nosas costas. Estas campás que soen medir uns 30-40 cm de diámetro, volven á vida grazas a doazóns de armadores por agradecementos nas labores de salvamento, agasallos de mariñeiros que se quedaron con elas ou, na súa maior parte, rescatadas das profundidades polos chatarreiros que logo venderían ou agasallarían aos lugares de culto.

A campá da capela da Virxe do Carme de Camariñas

Que mellor cunha capela adicada á patroa dos mariñeiros, na que pendure unha campá “mariñeira”. Neste caso, a campá leva por nome “Vego”. Claro está que si preguntamos por ese nome, ninguén lembrará tal barco, pero si nomeamos o “Olympia”, ós máis vellos do concello dirán: “Home si, este barco dou contras as pedras do…”.

O “Olympia” era un buque de pavillón francés que navegaba con carga de cemento. Este dirixíase de Brest (Francia) a Estambul (Turquía). A causa do sinistro, parece ser que foi a espesa borraxeira que cubría a zona do Vilán. Sobre as catro da madrugada dun venres 15 de abril de 1955, petaba contra os Baixos do Boi, zona moi coñecida pola famosa traxedia do “Serpent” onde morreron 170 mariñeiros, o “Trevider” en 1911 ou polo “Iris Hull” que dos 37 tripulantes tan só se salvou un, sete anos antes co “Serpent”. O capitán deste barco cortaríase a gorxa ante tal traxedia.

Segundo as informacións que apareceron nos xornais como “La Noche” e “La Voz de Galicia”, o buque de pavillón francés entrou de proa nos Baixos do Boi, quedando inmediatamente inundadas as bodegas número 1, 2 e 3 así como a sala de máquinas. Fixeron unha chamada de auxilio e, cara o Cabo Vilán irían varias embarcacións para tal efecto. Dado co estado do mar era calma chicha, saíron ilesos os 27 homes que compoñían a tripulación. Evidentemente, ó coñecer o suceso, o axente comercial de Francia para A Coruña; o señor Serra, sairía inmediatamente co obxecto de atender aos mariñeiros que estaban aloxados na Vila dos Encaixes.

Campá do “Vego / Olympia” na capela da Nosa Señora do Carme de Camariñas / X.T.

O “Olympia”

Este buque de casco de aceiro, era un barco de carga construído en 1929 polos británicos “Thompson Robert & Son Ltd.” en Sunderland. Tiña propulsión a vapor e contaba cunhas medidas de 100,7 metros de eslora, 14,7 de manga e 6,2 metros de puntal. Arrastraba 2923 Tn de rexistro bruto, aínda cos xornais da época dicían que era de 5000 Tn. Contaba cunha máquina de 1 x 3 cilindros con motor de tripla expansión cun poder de 202 n.h.p., acadando unha velocidade de 11 nós.

Saíu dos estaleiros co nome de “SS Vego” en 1929 para a compañía de pavillón Noruegués “Ostervold A/S D/S” de Bergen. En 1931 venderíase a empresa “Sobral A/S” de Oslo, Noruega, rebautizando co nome de “SS Ankara”. Pasados cinco anos, a empresa “Cia, des Bateux á vapeur du Nord”, Dunkerque (Francia), compraría este barco para chamalo “SS Strasbourgeois”. En 1951 volve a cambiar de donos, pasa a “Franco-Tunisienne” e rebautizando co nome de “SS Olympia”. En 1954 é traspasado para a derradeira empresa, como antes apuntamos, de pavillón francés, “Cie, De Nav. Européenne” de Marsella. Esta sería a súa última singradura de nomes e empresas, pero ficaría na lembranza das xentes, un anaco do “Vego / Olympia”, pendurando na capela do Carme de Camariñas, patroa dos mariñeiros. Nos días de misa ou no día 16 de xullo, festa grande na honra á patroa, escoitaremos o son das badaladas festivas, que anos atrás servía de aviso para cambios de garda, entre outras cousas, cando navegaba polos mares atlánticos e mares tenebrosos da Costa da Morte.

Campá do “Vego / Olympia” na capela da Nosa Señora do Carme de Camariñas.

Bibliografía.

  • TROIANO CRRIL, Xosé. 2017. “Camariñas, Corazón da Costa da Morte”. Asociación galega para Cultura e a Ecoloxía, Mos.

  • Xornal “La Noche”, 16/04/1955. Santiago de Compostela.

  • Xornal “La Voz de Galicia”, 16/04/1955. A Coruña.

  • WWW. Wrecksite. com.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: