fbpx
Pica interpretativa no castro de Subidá / foto María López, Facebook

“PETROGRIFLO???”… os castros intervidos polo Ministerio seguen con graves erros nos paneis interpretativos

Tempo de lectura: 2 min.

“Petrogriflos”. Este é o curioso termo que  aparece escrito na cartelería informativa do castro de Subidá, en Marín, e que está a ser causa dunha enorme discusión nas redes sociais. Trátase dunha última polémica que ven de sumarse a xa xerada pola natureza das propias intervencións promovidas e financiadas polo Ministerio de Fomento a través da empresa Patrimonio Inteligente.

Trátase da intervención nos castros de Toiriz en Silleda, Alobre en Vilagarcía e este de Subidá en Marín. Todos eles están incluídos nun protocolo de intervención froito dun acordo entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a súa posta en valor. O proxecto conta cun orzamento 520.000 euros e ten por obxectivo é a súa musealización e adaptación á visita.

Intervención no Castro da Subidá, en Marín (Pontevedra) | GC

As obras consistirían na mellora dos accesos dos castros, tratamento da paisaxe, vexetación que os rodea e sinalización con cartelería, códigos QR e picas intelixentes. Mais tamén pavimentación puntual e mobiliario, con lousas e bancos de pedra, gabións e elementos de aceiro. Baixo este proxecto xurdiu a polémica e contestación social, mesmo chegando a unha petición en Change.org con máis de 1.500 sinaturas pedindo a paralización das obras.

Imaxe da petición de Change.org

Agora, a medida que avanzan as obras a polémica está a volver de novo ás redes. Pois para moitos trátase de intervencións arbitrarias que se achegan á estética dos parques urbanos, moito máis do que sería adecuado para un xacemento arqueolóxico propiamente dito. Tamén se lle acusa de ser intervencións pouco rigorosas ou pouco adecuadas o lugar. Para outros, porén, é unha oportunidade de pór en valor o lugar.

Entre as críticas destácase o feito de que a cartelería se atope redactada de xeito preferente en castelán e traducida, a menor tamaño ou no reverso, en galego e inglés. Porén o elemento que máis chamou atención, alén de instrumentos como fiestras para enmarcar a paisaxe ou picas para empregar o propio terminal móbil como audioguía, foi a aparición do termo “petróglifos” incorrectamente escrito. Un erro que se atopa gravado sobre o propio aceiro nunha pica vertical que identifica un dos elementos destacados do xacemento.

Pode que che interese...