fbpx
Aspecto dunha mámoa tras a corta de eucaliptos en Paderne / Xabier Moure

Por que lle estorba á industria do eucalipto un castro, unha mámoa ou un petróglifo?

Tempo de lectura: 2 min.

“O patrimonio tamén é riqueza e non lle quita espazo a outras actividades” di Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio. Quitaríalle ou restaríalle espazo ao monocultivo de eucalipto a descuberta de castros, mámoas e outros achados? “Non, porque son unha superficie ínfima comparado co que se explota para madeira”. O mesmo acontecería coa construción que non tería por que verse tan afectada. Non obstante, hai casos en que a paralización de obras realizadas sobre xacementos acaban en demandas que, de parar a construción, finalizan en indemnizacións ás construtoras.

“Tivemos a acción dunha canteira en Mondoñedo onde acabou por destruír os restos dun castro” di Manuel Miranda de Mariña Patrimonio. O caso concreto era o do Castro da Trinidade afectado pola explotación de pedra, Cantera Trinidad. Mesmo se acusou de complicidade a funcionarios da Xunta do Servizo de Patrimonio en Lugo. “A Dirección Xeral de Patrimonio só atende cando hai intereses económicos”.  Tamén está o caso cando o Tribunal Supremo paralizou o intento de apertura doutra explotación de caliza no Concello de Triacastela que afectaría á Cova de Eirós, onde se encontraron restos de pintura rupestre, dos poucos que hai catalogados en Galicia polo de agora.

A Xunta pola súa parte condena “calquera acto vandálico contra o patrimonio que compartimos todos os galegos e cuxa preservación é tarefa de todos”. Ademais engade que “desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural impúlsanse e coordínanse as principais medidas para minorar as ameazas sobre o conxunto do noso patrimonio, actuando, asesorando e prestando apoio técnico” segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 2016.

Aínda así, non son poucas as voces que sinalan a inacción administrativa contra accións devastadoras para elementos históricos. Hai mesmo quen apunta unha actitude “interesada” por parte de determinadas seccións da administración autonómica. En tal caso, a Xunta sinala que:  “cómpre subliñar tamén que o Goberno galego inviste este ano un 19% máis na rehabilitación do patrimonio dentro do seu compromiso coa conservación e rehabilitación do noso legado cultural”. Toda a reportaxe en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...