fbpx
Porto de Cereixo / foto Concello de Vimianzo

Vimianzo recuperará o paseo de Cereixo que bordea un enorme pazo, unha igrexa medieval, un muíño de marea e un porto

Tempo de lectura: 3 min.

As impresionantes Torres de Cereixo do século XVI, unha igrexa románica do século XII cun icónico relevo da translatio do corpo de Santiago, un carballo con máis de mil anos, un porto, un muíño de marea levantado no ano 1679 e unha das poucas vilas históricas ben conservadas na Costa da Morte que conta con grandes casas tradicionais e un dos hórreos máis longos da comarca.

Este é o excepcional espazo sobre o que o Concello de Vimianzo intervirá para recuperar o paseo fluvial que une todos estes singulares elementos ó carón do río. Pois o consistorio ten proxectado un plan para reparar e habilitar o paseo de Santiago de Cereixo, contando co financiamento da Consellería do Mar e co obxectivo ademais de evitar os danos polas habituais crecidas do río.

Torres de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Trátase dunha intervención de 1.380 metros cadrados e que contará cun orzamento de 196.247,28 euros. O paseo, con tramos diferenciados de características distintas, deseñouse para que o impacto da actuación sexa mínimo. Non se variarán os límites e a contorna do paseo, mantendo como definitivas as cotas, pendentes e alturas actuais.

Con esta intervención preténdese recuperar o conxunto así como dar solución a un dos problemas de base que presenta esta zona: as frecuentes inundacións nas épocas de choiva e crecida. De feito foi a acontecida en decembro de 2018, a que provocou os danos que acabaron co paseo que ata ese momento existía no lugar, deixándoo completamente estragado en todos os seus tramos.

Detalle de Santiago de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

Unha intervención coidada para recuperar un espazo único

Precisamente co obxectivo deste coidado actuarase por tramos con diferente nivel de intervención en cada un. Empregaranse materiais xa existentes nestes espazo, como a madeira de piñeiro para as varandas e revestimentos verticais e granito gris para a delimitación e os remates dos camiños. Instalaranse novos modelos de luminarias para substituír ás actuais e farase o mesmo cos bancos e papeleiras. Recuperaranse os paneis informativos e realizaranse as pertinentes tarefas de limpeza previa.

Ademais o goberno local decidiu incluír unha serie de modificacións nalgún tramo e de maneira adicional, contemplando así o emprego da pedra en maior medida para acadar unha superficie ríxida e compacta que contribúa a minimizar o impacto de posibles futuras inundacións. De feito o executivo presentou algunhas modificacións a maiores desta que non foi posible incluír por permisos patrimoniais.

Carballo de Cereixo en Vimianzo / foto HdG

O proxecto inclúe tamén unha preinstalación da rede de saneamento para ás vivendas do núcleo de Cereixo, ó pé da estrada DP-1603, consistente nun colector soterrado e un pozo para ser dotado nun futuro de bomba e tubaxe de bombeo de retorno ata a estada provincial. Prevese para evitar a rotura dos novos pavimentos executados unha vez realizada a intervención.

Miguel Ángel Pérez, edil de Obras de Vimianzo, salientou a importancia de dar solución a un problema histórico no paseo de Cereixo, unha zona “moi rica patrimonialmente” e moi castigada “polas inclemencias meteorolóxicas”. Agárdase que dunha vez por todas o lugar teña “a rehabilitación que se merece, para que a veciñanza goce dun dos espazos máis destacados do noso municipio”.

Torres de Cereixo en Vimianzo / foto Historia de Galicia

Pode que che interese...