fbpx
A web patrimoniogalego.net xa chega a todos os concellos de Galicia

A wikipedia do patrimonio galego fai dez anos con miles de bens catalogados, 120 deles na lista vermella

Tempo de lectura: 3 min.

Corría o 17 de maio de 2011 cando o catálogo social en liña patrimoniogalego.net, que levaba meses xestándose, pasou a ser unha realidade. Dez anos despois, a que está considerada como a ‘wikipedia’ do noso patrimonio cultural vai camiño dos 12.000 bens inventariados por todo o país.
Conta, de feito, con monumentos catalogados en todos e cada un dos 313 concellos galegos, comezando polo municipio de Pontevedra, onde arredor de 350 pezas figuran recollidas neste inventario virtual pioneiro mesmo no ámbito internacional. Á cidade do Lérez séguelle moi de preto Vigo, cun terzo de milleiro de fichas no catálogo.

Pola súa parte, Baños de Molgas encabeza a lista dos concellos rurais cunha maior presenza, con máis de 270 bens catalogados, entre os que non pode faltar o santuario da Nosa Señora dos Milagres.  Tocante á tipoloxía dos elementos inventariados, a icona galega que encarna o cruceiro é o tipo de ben máis común no catálogo, con preto de 2.200 cruceiros de toda Galicia rexistrados en patrimoniogalego.net ao longo destes  dez anos. Séguenlles as igrexas, con máis de 1.700 fichas dedicadas aos templos, e mais os petróglifos, cun total de 1.100 mostras de arte rupestre fichadas. Figuran ademais preto de 850 castros, entroutros xacementos propios da Idade de Ferro.

O mosteiro de Albeos, na parroquia de San Xoán de Albeos, en Crecente / Patrimoniogalego.net

Lista vermella

Entre os preto de 12.000 elementos culturais catalogados, case 120 figuran na Lista Vermella, “formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”. A torre de Sobrada de Aguiar, en Outeiro de Rei, a capela da Virxe dos Milagres de Cortegada, en Vilagarcía de Arousa, o pazo de Bergazos, en Lalín, a reitoral de San Vicente de Coucieiro, en Paderne de Allariz, ou a fábrica de papel de Domingo Fontán, en Lousame, son algúns dos exemplos de bens que se encontran en perigo inminente.

Precisamente un dos principais obxectivos do catálogo en liña patrimoniogalego.net é a posta en valor do patrimonio cultural, co fin de que o seu coñecemento axude á súa preservación para as xeracións vindeiras. Deste xeito, a Lista Vermella quere ser unha chamada de atención ás administracións competentes para que actúen a tempo co fin de evitar a deterioración progresiva dun ben ata o punto de que haxa que lamentar a súa desaparición, como xa ten acontecido con varios elementos. É o caso do cruceiro da Porteliña, en Ponteareas, que xa resultou “esnaquizado varias veces por mor do tránsito rodado da zona”.

Catálogo aberto

Un dos alicerces do maior catálogo social en liña do patrimonio culural galego é a figura do catalogador. Ao se tratar dun catálogo aberto, calquera cidadán pode rexistrarse e propoñer unha nova ficha dun ben cultural. A proposta pasa entón polo filtro do equipo de editores de patrimoniogalego.net, e no caso dos catalogadores máis experimentados, chamados senior, a publicación no catálogo é directa. Óscar Franco, Xosé Troiano e Elixio Vieites son os usuarios que máis bens rexistraron ao longo destes dez anos.

En calquera caso, tanto o rexistro como as contribucións realizadas son por completo de balde e desinteresadas, coma o traballo realizado polos voluntarios que participan no proxecto ou o acceso á información publicada, que detalla a localización do ben, a súa tipoloxía, o seu estilo, cunha breve descrición, a súa datación, o seu grao de protección, o estado en que se encontra ou mesmo a tradición oral que poida existir arredor dese elemento, como lendas ou cantares.

O catálogo naceu a iniciativa do divulgador e profesor da USC Manuel Gago, que conta co apoio dun equipo de técnicos que colaboran como editores. É o caso de Carmela Sánchez Arines, Adela Oyonarte, Elisa Amigo, Eixil Cedeira ou Elixio Vieites. Soledad Felloza ou Álex Bragaña ocúpanse da produción, mentres que Eladio Rial e Manuel Gago son os responsables dos sistemas. O gabinete de comunicación está integrado polos xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde.

Pode que che interese...