fbpx
Cruceiro de Casas Novas en Pontevedra antes de ser esnaquizado polo tráfico / foto patrimoniogalego.net

Así recuperou Pontevedra un cruceiro esnaquizado polo tráfico

Tempo de lectura: 2 min.

Instalado nunha finca próxima ó emprazamento orixinal e trasladado coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio. Así loce xa o cruceiro de Casas Novas, en Mourente, no concello de Pontevedra, un cruceiro que fai agora catro anos fora estragado por un accidente de tráfico.

E é que en abril de 2017 unha saída de vía dun vehículo acabou por esnaquizar o singular cruceiro. A peza atopábase catalogada e tiña a consideración de Ben de Interese Cultural, por ser anterior a 1900. No accidente partiu o fuste e foi desmontado ante o risco de que o capitel se precipitase ó chan.

Crueceiro de Casas Novas / foto Concello de Pontevedra

A implicación do Concello e a xenerosidade dun veciño

Foi daquela cando unha asociación de veciños pediu ó Concello a súa recuperación así como a necesidade de colocalo nun lugar máis afastado da estrada, de cara a evitar novos percances e garantir a súa correcta conservación. Atendendo a isto, o Concello iniciou os trámites perante a Dirección Xeral de Patrimonio para recuperalo e trasladalo a unha finca próxima.

A licenza foi finalmente concedida por parte da Dirección Xeral pero condicionada a que o cruceiro se manteña na mesma área. Para cumprir este requirimento, un veciño cedeu parte dunha finca particular, situada a uns metros da localización orixinal. Agora a peza xa loce de novo nunha localización segura.

Recuperado por profesionais nun lugar axeitado

E é que o pasado 30 de abril o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda supervisou os traballos de colocación do cruceiro nun novo emprazamento. O cambio de localización correu a cargo dunha brigada municipal que retirou da beirarrúa a rocha que servía de base ó cruceiro e procedeu a arranxar o espazo deixando un itinerario peonil máis accesible e seguro.

Ademais procedeu a acondicionar a finca e a preparala para a colocación. A partires de ese momento unha empresa especializada en traballos arqueolóxicos procedeu á colocación do cruceiro no lugar, xa recén restaurado. A mesma empresa especializada foi a que se encargou da restauración da peza.

Dous cruceiros recuperados na mesma parroquia

A reposición do cruceiro de Casas Novas vén sumarse á restauración do cruceiro do adro da igrexa tamén na parroquia de Mourente, que se levara a cabo no outono de 2019. Naquel caso, tamén se recuperara a rasante orixinaria do cruceiro, isto é, os tres chanzos do basamento, xa que o primeiro dos chanzos permanecía enterrado pola capa de asfalto do adro da igrexa.

Tamén naquela ocasión, o Concello solicitara perante a Dirección Xeral de Patrimonio autorización para un pequeno desprazamento na localización do cruceiro, pero manténdoo dentro da mesma área. No remate das obras, a veciñanza colocara no interior do basamento unha “cápsula do tempo” cun documento no que se recollía o ‘fito’ tanto da recuperación da fisonomía orixinal como do desprazamento.

 

Pode que che interese...